Opinión

Orgullo de pertencer a Implicadas

Van pasando os días mais o meu desagrado vai en aumento. Non atopo palabras para falar da dor que me produce engadir dous novos nomes, Andina Pereira de Brito e María José S.C., a esa lista que se nos chanta no corpo e no cerebro de vítimas de violencia de xénero.

Van pasando os días mais o meu desagrado vai en aumento. Non atopo palabras para falar da dor que me produce engadir dous novos nomes, Andina Pereira de Brito e María José S.C., a esa lista que se nos chanta no corpo e no cerebro de vítimas de violencia de xénero. Non, non atopo palabras para falar do compromiso, do non compromiso ou do que se entende por compromiso. Sinto dor e rabia, impotencia fronte aos gobernos que non actúan politicamente contra o machismo, que non senten como prioritaria a educación e a posta en practica de estratexias reais para solucionar un grave problema político. Detesto as mensaxes de caridade, as estratexias de caridade, os discursos de caridade. Sei que a violencia contra a muller non se soluciona con caridade, sei que as desigualdades sociais, as inxustizas e a falta de oportunidades e independencia individual non se solucionan con caridade. Mantéñense con caridade e tamén, o que máis me proe, con mulleres coartada ou alibí. Non atopo palabras para mostrar a miña xenreira contra quen non sabe aínda hoxe o verdadeiro significado da palabra feminismo, todo o meu desprezo intelectual para quen emprega mal esa palabra, para quen a luxa.

"Tiven a fortuna de ver o magnífico traballo que se desenvolveu en Etiopía, de asistir a unha asemblea de mulleres para falaren e administraren os seus cartos, de fotografarme con elas diante das súas tendas onde vendían orgullosas patacas ou tomates".

Por iso libremente, coa miña independencia que me permite elixir, decidín formar parte da ONG Implicadas/os no desenvolvemento.Tiven a fortuna de ver o magnífico traballo que se desenvolveu en Etiopía, de asistir a unha asemblea de mulleres para falaren e administraren os seus cartos, de fotografarme con elas diante das súas tendas onde vendían orgullosas patacas ou tomates, tiven o gozo de presenciar a súa alegría ao escribiren números e letras nunha escola de alfabetización de mulleres, o seu desexo de aprenderen. Elas, e tamén eu, sabemos que desde aquel recuncho de Arada Subcity se pode loitar para mudar o mundo, co seu traballo son un logro nesa carreira de obstáculos cuxa meta é a procura da igualdade de xénero para un desenvolvemento humano perdurábel. Elas, e tamén eu, sabemos que a loita contra a pobreza é un obxectivo de responsabilidade da cidadanía do Norte para que a cidadanía do Sur e, en concreto, as mulleres poidan decidir sobre as súas vidas. Nosa é a responsabilidade de mudarmos de papel e de sabermos que a pobreza é un problema político, que a violencia de xénero é un problema político. Por iso estou orgullosa de pertencer a Implicadas no Desenvolvemento e de axudar, sempre que teño ocasión, coa miña palabra, para apoiar e participar na sensibilización da cidadanía galega, nós formamos parte dese Norte responsábel desa desigualdade. 
Implicadas no Desenvolvemento nunca me defraudou, sempre actuou con coherencia e os festivais anuais, o Implícate, sempre foron e son unha festa coa presenza voluntaria e feliz da cultura galega que se vai invitando a participar cada ano, á que se lle explica moi ben o labor e identidade da asociación para non dar lugar a confusións. Implicadas no Desenvolvemento esfórzase, e até agora sempre tiña conseguido o seu obxectivo, en transmitir moi ben a súa mensaxe, en facer visíbel o seu traballo. Celso Parada e Yolanda Castaño, por exemplo, levan anos comunicando e ben o que é sermos Implicad@s.  O actor Luís Tosar coñece ben o traballo de Implicadas, implicouse moito e era unha sorte contar con el, en varios proxectos, mais despois da súa participación no vídeo musical do grupo chileno Los tres, era normal e coherente que Implicadas rexeitase a súa presenza no Implícate 20014, e prendeuse unha mecha de pólvora para a prensa que se lanzou detrás da noticia e para as opinións espalladas pola rede. Todo o mundo o soubo. Tamén foi coherente e, como socia de Implicadas llo agradezo, o comunicado de Luís Tosar. Non podemos participar na “naturalización” do discurso da violencia contra as mulleres, e hoxe cos nomes de Andina e de María José, volve zumbar na miña cabeza a letra da canción, “Tráeme la escopeta que le vou a disparar/  al amor de mi vida que me acaba de traicionar”. Dicir que a canción é mala desde todos os puntos de vista, quizais sexa hoxe un comentario frívolo, xa van quince mulleres asasinadas por violencia de xénero no estado español neste ano. 

"Non imaxino a Implicadas no Desenvolvemento montando orfanatos na India, a  min pagando unha cota e moito menos á magnífica e potente voz de Sés aturuxando na inauguración dos edificios. En ningún dos traballos que poida sustentar este trípode hai lugar para a caridade".

Non puiden asistir ao festival  “A desaramar” que prometeu diferente e organizou polo día da muller, Sés, que ten colaborado en varias ocasións con Implicadas, por iso grazas ao traballo de Eva Carneiro colgado en  youtube puiden gozar dalgunhas das actuacións, perseguía atopar esa “diferenza” do festival e atopeime con esas palabras coas que a promotora falou de Implicadas e iso desconcertoume. Non imaxino a Implicadas no Desenvolvemento montando orfanatos na India, a  min pagando unha cota e moito menos á magnífica e potente voz de Sés aturuxando na inauguración dos edificios. En ningún dos traballos que poida sustentar este trípode hai lugar para a caridade. Unha magoa, que nun festival para gozar coa música, conmemorar o oito de marzo e organizado por Sés, non se aproveitase a oportunidade nun contexto tan adecuado para coñecermos de verdade a mensaxe feminista de Implicadas no Desenvolvemento, os seus obxectivos, nun momento en que se priman e premian organizacións que potencian a caridade coa muller, a súa submisión ao patriarcado e a resignación cristiá. Ben sei que Sés tería calmado moitos ánimos que aínda seguen levantados, no momento en que Luís Tosar estaba no escenario, tod@s perdemos a oportunidade. Fronte ao desconcerto, eu sigo estando orgullosa de pertencer a Implicadas no Desenvolvemento.

Comentarios