As organizacións agrarias critican o papel das grandes cadeas de distribución

Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) coincidiron onte en dúas roldas de prensa para poñer énfase no problema do prezo que cobran as explotacións agrícolas na Galiza e no seu culpábel: as grandes cadeas alimentarias. A Federación Rural Galega (Fruga) exixe a intervención política
Explotación gandeira galega con pastoreo (SLG)
photo_camera Explotación gandeira galega con pastoreo (SLG)

"A capacidade que teño de negociar o prezo do leite ou da froita con Carrefour ou con Alcampo é case inútil, ou vendo como me din ou teño que tirar a produción", aseguraba a primeira hora Roberto García, secretario xeral de UUAA, na Televisión da Galiza (TVG). O sindicato anunciaba horas despois, desde a sede da UXT, a convocatoria dunha mobilización das gandeiras e gandeiros do sector lácteo para o vindeiro 19 de febreiro diante da Delegación do Goberno na Coruña. A razón: o uso do leite "como produto reclamo" por parte das empresas distribuidoras.

Roberto García reclama que "se fagan públicos" os prezos polos que a industria oferta o litro do leite ás distribuidoras finais. "Hai unha parte que vende a perdas", asegura en relación ás explotacións agrícolas, polo que o consumidor "non pode pagar" esta ineficacia. UUAA advirte que empregarán "a xustiza para denunciar e os tractores para protestar", como xa ocorreu en 2015. O secretario xeral desta organización asegura que "valora o compromiso" das declaracións do Goberno español mais no caso do leite "só falta vontade política".  Neste sentido afirma que o Goberno "ten moitos instrumentos -como a mesa do sector lácteo- para reunirse coa distribución e dicirlle que non se pode seguir empregando o leite como produto reclamo".

Dinámica preocupante

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, participaba onte nunha rolda de prensa convocada por En Marea para presentar unha proposición de Lei que incluíra impostos ás grandes superficies. "É preocupante a dinámica de que tres grandes compañías concentren 35% de distribución de alimentos no Estado español", aseguraba Vilalba. Esta organización denuncia que na cadea de valor as persoas produtoras "moitas veces vémonos obrigadas a vender moi por debaixo do prezo de produción e sen garantía de que teñamos ningún ingreso para o propio traballo que desenvolvemos". 

A concentración en poucas mans do negocio da comercialización da produción do agro centra a crítica do SLG. "Mercadona factura máis de 20.000 millóns de euros", explicaba Vilalba.  Esta situación e as condicións que exixen estas grandes empresas provoca, na súa opinión, que "moitos produtos queden fóra da nosa mesa por non ser capaces as explotacións de contar con grandes cantidades de produción".   

Intervención política

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) cren que ademais dun "mal funcionamento da cadea alimentaria" falla "a vontade política para resolver o problema". Apuntan que as institucións estatais prefiren "non enfadar a industria e a distribución, que seguen a presentar importantes beneficios nas súas contas de resultados anuais".
Para esta organización "é preciso pór en marcha mecanismos de negociación interprofesional que permitan regular e intervir nos mercados agropecuarios, que traben os abusos da industria e da distribución". Fruga demanda que se restabelezan todos os organismos de interlocución que viñan funcionando até a chegada do PP.

Comentarios