Opinión

Ordenación do territorio

Despois do confinamento/peche/encerro de varios meses e despois de constatar que isto non é unha broma, que veu para ficar segundo as mutacións que o virus adopte no futuro, houbo quen pensou regresar á aldea de onde viñeran. Enténdoos perfectamente, pois no agro é máis doado illarse das concentracións das cidades.

Agora que o teletraballo está regulado en igualdade de dereitos cos traballos presenciais, haberá traballadores que poderán traballar dende a casa do rural con visitas esporádicas ao escritorio.

En teoría, pois moitos non poderán dar ese paso por mor da deficiente ‘cobertura’ do rural galego, quer de telefonía móbel, quer de fibra óptica (ou o seguinte nivel de avance nas comunicacións).

Mágoa, pois se os servizos de telecomunicacións fóra das cidades foran dunha mellor calidade ben se podería redistribuír a poboación, de xeito que a xentiña en troques de vivir amoreada nun piso (onde a convivencia pode resultar abafante), moraría nunha casa con horta para cultivar froitas, legumes e hortalizas, onde o espazo vital é maior e os abafos que a cidade propicia ben menores.

As comarcas e as vilas recuperarían unha maior importancia. En troques de desaparecer servizos estes incrementaríanse, cando menos neses núcleos intermedios que son as vilas. Teriamos así unha mellor ordenación do territorio, recuperaríase o costume de cultivar para autoconsumo, os desprazamentos serían menores e o rural recuperaría tamén nenos e familias en troques de continuar co seu declíneo sen futuro.

Debe ser que eu sempre pido moito, pois nese país (falo dende fóra) nunca acontece nada e leva malmorrendo por anos sen número.

Xa me gustaría que o Parlamento de Galicia, institución onde está depositada a soberanía popular, se constituíse unha comisión estratéxica aberta para pensar e repensar mil veces o futuro do país. O goberno non pode, pois ten que xestionar o día a día e, ademais, sendo dunha cor única, a súa visión sería nesgada.

Comentarios