Política

A oposición denuncia no Parlamento o "veto" á súa petición de comparecencias de Feixoo

PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Mixto presentan unha queixa formal na Cámara galega na que expoñen que se está a dar "trato de favor ás peticións de comparecencia do Goberno", "maniatando" o labor da oposición e "amordazando" o Parlamento.
Última reunión da Deputación Permanente (Parlamento).
photo_camera Última reunión da Deputación Permanente (Parlamento).

Os grupos parlamentares da oposición volven unir forzas neste estado de alarma e presentan no Parlamento un escrito formal de queixa ao considerar "que se está vulnerando o regulamento da Cámara e coartando os dereitos dos grupos parlamentares, que teñen como obriga o control do Executivo e a presentación de medidas de impulso, un labor máis necesario ca nunca no contexto da crise sanitaria, económica e social derivada do coronavirus".

Nun comunicado remitido polo PSdeG, Galicia en Común-Anova Mareas, Bloque Nacionalista Galego e En Marea poñen como exemplo a petición de comparecencia do presidente da Xunta rexistrada o pasado 6 de abril pero que, a día de hoxe, aínda non se debateu pola Mesa da Deputación Permanente como estabelece o regulamento. E inciden en que, por contra, xa se ten pronunciado e dado luz verde ás comparecencias solicitadas polo Goberno con data moi posterior.

Así, denuncian que o PP está "utilizando a súa maioría como rolo para maniatar aos grupos e para ter a Cámara a medio gas cando debería estar traballando a pleno rendemento para axudar a saír da crise".

Catro solicitudes sen resposta

"Desde a declaración do estado de alarma e de alerta sanitaria por parte dos grupos da oposición do Parlamento galego rexistráronse catro solicitudes de comparecencias con datas de 31 de marzo, 3 de abril, 6 de abril e 13 de abril, ao abeiro do disposto no artigo 56.4 do Regulamento que dispón que a Deputación Permanente será convocada polo presidente, por iniciativa propia ou por petición de dous grupos parlamentares ou dunha quinta parte dos membros daquela", explicita a queixa.

Porén, neste escrito apuntan que "a pesar de cumprir con requisitos estabelecidos no regulamento para a súa convocatoria", o presidente da Cámara, Miguel Santalices, non tramitou nin emitiu resolución algunha en orde a convocar a Deputación Permanente. "No entanto, as solicitudes de comparecencia formuldadas polo Goberno foron atendidas de inmediato", aseguran. 

De feito, mañá volve reunirse a Deputación Permanente pola comparecencia a petición propia do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e da conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez. Na sesión anterior acudiron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e mais a titular de Educación, Carmen Pomar. 

En concreto, na súa queixa á Mesa da Deputación Permanente solicitan "que se cumpra o Regulamento do Parlamento da Galiza, e en base ao informe emitido polos servizos xurídicos da Cámara se tramiten as iniciativas e solicitudes de comparecencia rexistradas polos grupos da oposición".

Soberanía popular

Toda a oposición coincide en que o obxectivo é "reactivar o funcionamento do Parlamento", no que o presidente só compareceu unha vez desde que comezou a crise. Desta maneira, lembra que xa presentou unha proposta conxunta para a comparecencia de Feixoo "que, mentres fuxe da Cámara da soberanía popular, se prodiga en comparecencias en directo desde a televisión pública".

Ademais, todos os grupos parlamentares excepto o PP manifestan nesta queixa formal que durante o período de crise polo coronavirus rexistraron "numerosas iniciativas sen que se chegasen a tramitar, contravindo o propio Informe dos servizos xurídicos da Cámara, e vulnerando o artigo 23 da Constitución".

Comentarios