Política

A oposición censura a falla de "autocrítica" da Xunta na xestión da COVID-19 e Almuiña di que os contaxios están "en descenso"

Os partidos da oposición criticaron a ausencia de autocrítica do Goberno galego na xestión sanitaria da pandemia, en particular nas residencias de maiores. O conselleiro de Sanidade ratifica que Galiza "está na fase de descenso da curva". 
Comparecencia do conselleiro de sanidade na Deputación Permanente (Parlamento).
photo_camera Comparecencia do conselleiro de sanidade na Deputación Permanente (Parlamento).

Toda a oposición censurou a xestión sanitaria da Xunta da Galiza da pandemia da COVID-19 na reunión desta cuarta feira da Deputación Permanente na que compareceu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a quen lle afearon a súa falla de "autocrítica", sobre todo pola situación na que se atopan as residencias de maiores do país

As representantes de PSdeG, BNG, Grupo Común da Esquerda e Grupo Mixto (no que se integran as deputadas de En Marea) manifestaron o seu pesar polos falecementos nesta crise e eloxiaron o traballo das profesionais sanitarias, para a continuación criticar que non compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, con regularidade para dar explicacións. Así, reprocháronlle a "falla de medios" denunciada polas profesionais tanto do Servizo Galego de Saúde (Sergas) como nas residencias da terceira idade.

O conselleiro de Sanidade ratificou no Parlamento que Galiza "está na fase de descenso da curva" de contaxios polo coronavirus, á vez que apostou por "seguir mellorando" e "preparando" ao país "para posíbeis fases" que poida haber a posteriori.

Almuiña tamén defendeu o traballo do persoal do Sergas, mais non fixo referencia á precariedade dos contratos que está a oferecer o ente público, que se viu forzado a rectificar en varias ocasións durante a crise. "Hoxe consideramos que entramos en fase de descenso da onda da pandemia", subliñou, para trasladar que hai un descenso das pacientes nas UCI dos hospitais galegos até as 96, que se sitúan "por baixo dos cen" en semanas.

Tamén situou a taxa de letalidade sobre o total de contaxios na Galiza no 4,13%, mentres que no Estado é "tres veces máis" e está no 10,4%. Así, incidiu en que "é a menor de España".

A respecto diso, incidiu que se trata do "maior reto da historia sanitaria da Galiza" e insistiu en que, desde o primeiro momento, Galiza intentou "adiantarse" e tomar medidas nas súas competencias: valorou as actuacións para o diagnóstico precoz, con "reforzo do persoal" con equipos de toma de mostras en domicilio e o COVID-auto, ademais do seguimento domiciliario e o reforzo, entre outras, das unidades de hospitalización.

Máis persoal e medios

Por parte do Grupo Mixto, o deputado David Rodríguez considerou que "en moitos casos a desprotección foi indecente". Mentres que a portavoz do BNG, Ana Pontón, reivindicou pactar un "plan de desescalada na Galiza e non en Madrid".

A nacionalista defendeu un plan para a atención primaria dotado de 200 millóns de euros. "A atención primaria vai ter unha sobrecarga e unha complexidade na asistencia que precisa de persoal e medios, deben abrirse todos os centros, salvo casos excepcionais, e o persoal de primaria non pode utilizarse para prestar atención hospitalaria", sostivo Pontón.

Á vez que criticou que Feixoo "escapa da democracia" ao non comparecer sobre a crise na Cámara. "Vémolo 19 veces na TVG e só una no Parlamento, sede da soberanía popular", abundou.

Na súa quenda, Antón Sánchez, portavoz de Común da Esquerda, lamentou que "desprotexeron ás profesionais" e criticou a "mercantilización da saúde" porque en relación ás residencias puxeron "o negocio por encima da saúde".

líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, tendeu a man nestes "momentos de enorme complexidade" para saír da crise sanitaria, á que, criticou, chegouse "con menos camas hospitalarias e menos profesionais de atención arimaria".

"Chegamos cun sistema sanitario máis debilitado", afirmou Caballero, para insistir en demandar un "reforzo" de persoal e de material.

Comentarios