Batería de propostas da oposición para loitar contra o Covid-19

O presidente da Xunta reuniuse vía telemática cos portavoces de PSdeG, BNG, Galicia en Común-Anova Mareas, En Marea e Ciudadanos.
Feixoo videoconferencia eleccións

O Goberno galego debe adoptar novas medidas e compromisos na loita contra o Covid-19 nas diferentes frontes, sanitaria, social ou económica; e non escudarse no estado de alarma para derivar todas as responsabilidades coa desculpa do 'mando único' ao Executivo español. Esa é unha das demandas a Núñez Feixoo que partilla a oposiión. E a Xunta ten marxe para actuar, consideran os partidos, que na noitiña deste domingo trasladou ao presidente galego diferentes propostas na xuntanza telemática mantida polo presidente cos portavoces de PSdeG, Galicia en Común, BNG, En Marea e Ciudadanos.

Gonzalo Caballero (PSdeG) mostrou a súa disposición a apoiar as medidas que aprobe o Goberno galego para combater o Covid-19 mais solicitoulle a Feixoo “lealdade” cara ao Goberno español e demandou que “intensifique os esforzos” en materia sanitaria.

O líder socialista considera que a Xunta debe dar un paso máis e apostar en medidas “de maior dimensión” en materia económica para facer frente a esta vertente da crise e mostrou a súa preocupación pola situación á que deben facer fronte determinados sectores e actividades.

Caballero explicou que, ante a actual crise sanitaria do coronavirus, o Goberno galego ten "mecanismos e orzamentos" para "garantir" a presenza de sanitarios no sistema público "durante os próximos meses con tranquilidade e seguridade".

Renda básica

Antón Gómez Reino puxo sobre a mesa de Feixoo, unha batería de medidas que inclúe a demanda de activación inmediata dunha renda básica de emerxencia que "garanta a subsistencia" de familias e persoas sen ingresos en Galiza mentres duren os efectos. da epidemia de Covid-19.

Gómez Reino afirmou que tamén puxo sobre a mesa a solicitude de suspender o pagamento de taxas e impostos ás familias en situación de vulnerabilidade, a implementación de solucións de vivenda para aquelas en situación de emerxencia, incluídas as mulleres vítimas de violencia machista, e a desenvolvemento dun plan de acollida, asistencia e coidado de persoas sen fogar e familias.

No ámbito económico, Galicia en Común reclama a aplicación de axudas directas ás pequenas e medianas empresas (pemes) e aos autónomos que se viron obrigados a deixar a súa actividade.

“A centralización non funciona”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o presidente da Xunta, a "recuperar a capacidade de actuación plena" no ámbito sanitario para "afrontar a crise" do coronavirus. A "centralización de competencias" desde que se declarou o estado de alarma "non funciona". "Isto lonxe de ser parte da solución, é un problema", polo que insta á recuperación desas competencias.

Para afrontar a crise sanitaria, Pontón tamén considera que a Xunta debe "intervir" as residencias de maiores privadas para que "haxa unha boa prestación e se poida coordinar" a resposta "nun momento excepcional". Solicita que "se active un plan de choque" que garanta a seguridade do persoal sanitario e que "se realicen probas masivas" aos usuarios para "previr".

Respecto das medidas económicas que deben levar a cabo, Pontón apunta a emendar "o problema dos autónomos, un colectivo gravemente danado por esta crise", así como demanda liñas de axuda específicas para sectores como o pesqueiro e o da cultura.

Apoio ao rural

En Marea criticou o posíbel "peche de centros de saúde" en certas partes do rural que está estudando o Sergas para "reorganizar" os centros de saúde e afrontar así a crise do coronavirus.

Este asunto suscitou discrepancia por parte de En Marea, que censura este plan porque consideran que precisamente "a dispersión da poboación protexe contra a expansión do coronavirus". Davide Rodríguez trasladou este domingo ao presidente da Xunta, que esta planificación "é contraria incluso ao que recomenda a Organización Mundial da Saúde".

Comentarios