Imprimir

A ONU reclama o acceso universal ás vacinas contra a Covid-19

Redacción | 22 de febreiro de 2021

O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, nunha imaxe de arquivo.
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
A Organización das Nacións Unidas advirte que só dez países concentran o 75% da administración das vacinas.

Altos funcionarios da Organización das Nacións Unidas (ONU) pediron na xornada de hoxe garantir o acceso universal ás vacinas contra o virus SARS-CoV-2 e consideralas un ben público. 

Na sesión 46 do Consello de Dereitos Humanos da ONU, realizada de modo telemático, o seu secretario xeral, António Guterres, advertiu que tan só dez países concentran o 75% da administración dos axentes inmunizantes creados para combater o patóxeno causante da Covid-19. “A equidade global no acceso ás vacinas reafirma os dereitos humanos, pero o chauvinismo neste tema négaos”, resaltou o secretario xeral. 

Ademais, insistiu nas prioridades que representan a loita contra a discriminación, o racismo e a xenofobia e a favor da equidade de xénero, mais sinalou que a “materialización dos dereitos humanos constitúe a vía para resolver as tensións e garantir a paz no planeta”. 

Nas súas redes sociais, o secretario xeral expuña que “o mundo enteiro sofre a enfermidade das violacións dos dereitos humanos. A recuperación da pandemia dános a oportunidade de cambialo. Agora é o momento de restabelecer, remodelar e reconstruír un mundo con dereitos humanos e dignidade para todos".

Pola súa banda, o presidente do 75 período de sesións da Asemblea Xeral da ONU, o turco Volkan Bozkir, defendeu a distribución igualitaria das vacinas, convertida "na esperanza para neutralizar un virus responsábel de máis de 2.400.000 mortes a escala mundial". 

Ademais, alertou sobre o impacto do cambio climático nos dereitos humanos, en particular nos pequenos estados insulares en desenvolvemento, e reiterou a importancia do multilateralismo para enfrontar este e outros desafíos da humanidade, incluída a actual pandemia. 

“Quedan nove anos para o cumprimento da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostíbel da ONU, cuxa meta de non deixar ninguén atrás está ligada estreitamente coa cuestión de respectar os dereitos humanos de todas e en todas partes”, expuxo o presidente.

Sancións unilaterais

Durante a sesión, o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, repudiou as máis de 450 sancións unilaterais impostas polos Estados Unidos e pola Unión Europea aos seu país. “A imposición destas medidas coercitivas, unilaterais e ilegais, resultaron nun bloque e unha persecución contra as capacidades do Estado e da sociedade venezolana”, declarou na súa intervención. Ademais, sinalou a “agresión económica multidimensional que ignorou os chamados das Nacións Unidas e do pobo venezolano a deter estas accións en tempos da pandemia”, dixo na sesión.

Neste sentido, o xefe de Estado denunciou que o seu país foi privado de polo menos 30.000 millóns de dólares que “puideron ser usados para a atención dos venezolanos”. A pesar disto, Maduro indicou que a súa administración logrou mitigar e controlar a pandemia “grazas a unha política social de saúde pública, de calidade, á implantación de metodoloxías de bioseguridade e a aplicación de tratamentos científicos complementarios”. 

O presidente sinalou que o seu Goberno fortaleceu a cooperación e asistencia técnica coa Oficina da Alta Comisionada para os dereitos humanos e ratificou que non aceptará a "intervención de ningún mecanismo inquisidor contra o seu país”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/onu-reclama-acceso-universal-vacinas-covid-19/20210222204556116366.html


© 2021 Nós Diario