A ONU investigará se hai vulneración de dereitos lingüísticos a traballadores galegofalantes por Enaire

Despois do informe remitido pola Mesa ao relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.

Interior do aeroporto de Lavacolla
photo_camera Interior do aeroporto de Lavacolla

A ONU está disposta a tomar cartas no conflito lingüístico nesta empresa pública española derivado da persecución “a algúns traballadores polo uso do galego no traballo”, como denunciara A Mesa.

A pregunta de Nós Diario, A Mesa informa que desde a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos xa lles notificaron que ían abrir una investigación a raíz desda denuncia.

A empresa pública Enaire, a sociedade dependente do Ministerio de Fomento, promove un expediente a dúas empregadas que prestan o seu servizo no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago Compostela por utilizar o galego na comunicación cos seus superiores, no marco das súas responsabilidades como representantes sindicais da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Así o denunciou o sindicato e A Mesa. A propia Inspección de Traballo recoñeceu a estas traballadoras o dereito a empregar o galego “como lingua cooficial” e obrigar a empresa a atendelas.

"Tanto polo feito como polas graves consecuencias que pode chegar a ter para as traballadoras, coidamos que é unha acción grave de discriminación polo uso da lingua propia e cooficial protexido polo artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza, polo artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, polo artigo 27 do pacto internacional de dereitos civís e políticos e o artigo 13 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas”, manifestaba a organización de defensa da lingua na súa información á ONU.

Comentarios