ONU carga de novo contra o Estado español por ignorar os casos de tortura

Urxe as autoridades para evitar que prescriban ou podan acollerse a amnistía os centos de denuncias, incluídas as desaparicións forzosas.


Nova condena internacional para o Estado español. O Comité da ONU contra a Tortura emitiu unha resolución que urxe as autoridades españolas a tomar medidas para evitar que os centos de casos de tortura denunciados, incluidas as desaparicións forzosas, prescriban ou podan acollerse a unha amnistía.

O Comité lamentou nese sentido que Lei de Amnistía de 1977 siga vixente. A ONU criticou tamén a “aplicación excesiva e baixo condicións cuestionables” do réxime de incomunicación para os detidos por terrorismo. Esixiu que esta práctica sexa abolida e que se garanticen os dereitos de todas as persoas detidas.

A resolución manifesta ademais “unha seria preoupación polas devolucións sumarias” de persoas migrantes que España efectúa nos pasos fronteirizos de Ceuta e Melilla. As coñecidas como ‘devolucións en quente’ violan o artículo 3 da Convención contra a Tortura. 

“Ningún Estado procederá a expulsión, devolución ou extradición dunha persoa cando existan razóns fundadas para crer que estaría en risco de ser sometida a tortura”, recorda o comité internacional. 

A respecto da Lei de Seguridade Cidadá, aprobada en marzo, sinalou o intento de “dar cobertura legal ás devolucións sumarias baixo unha nova figura xurídica”.

Igual de crítico foi cos Centros de Estancia Temporal de Inmigrantes do Estado español, cuxas condicións cualificou de “deplorables” e unha “ameaza para as internas” polos excesivos niveis de hacinamento.

Comentarios