A película conta cunha ducia de cintas e proxéctase en cines das sete cidades

'Ons' duplica a súa recadación en catro semanas

Ons acada o mellor promedio de espectadoras por sala no conxunto dos cinemas do Estado español.
EuropaPress_3513053_fotograma_ons_alfonso_zarauza
photo_camera Fotograma de 'Ons'. (Foto: Maruxiña Film Company)

A película galega Ons, dirixida polo cineasta compostelán Alfonso Zarauza, conseguiu o mellor promedio de espectadoras por sala de entre todas as cintas proxectadas agora no Estado español.

Segundo informou na segunda feira o equipo de comunicación da longametraxe, na súa cuarta semana nos cinemas, con tan só 12 copias, a película xa duplica a súa recadación e entra no top 20 da billeteira do Estado..

De este modo, Ons acada unha ratio de 75 espectadoras por cada copia, a maior de todo o Estado, por riba incluso da estrea comercial da semana, Os Croods: unha nova era.

O director Alfonso Zarauza amosábase, ante esta comunicación "moi emocionado e agradecido pola cálida acollida da película por parte do público, que non cesa de recomendar o filme".

Actualmente, Ons pódese ver na carteleira das sete cidades e, desde a súa estrea o pasado 18 de decembro vírona arredor de 5.000 espectadoras.

Zarauza presenta neste drama con toques de misterio un matrimonio en crise (Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’) que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons. Unha vez alí, o seu destino cruza co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia.

Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias.

Comentarios