Opinión

On connaît la chanson

A música popular, dende o comezo dos tempos, transmitiu os valores e o dublé (como di o tango de Discépolo, Cambalache) da sociedade. Que falar dos tangos nos que a percanta que amurou ao tipo, lle deixou a alma ferida e as espiñas no corazón!, onde as mulleres, agás que sexan nais, sacerdotisas do supremo sacrificio, son todas putas, malas coma o demo, as que buscan con teima  o derrube do home que, o pobriño non ten máis ca defectiños de nada como non traballar, botar o salario –cando o ten- nos burros (apostas nas carreiras de cabalos), na ruleta, ou calquera xogo que lles pete, e por riba ser compadre e castigador. Unha verdadeira xoia que adora á súa nai, aínda que a deixe morrer de fame no convento (as casas de pezas de aluguer nas que vivía a xente pobre nos barrios pobre de Montevideo e Bos Aires).

O tango, fóra da súa beleza que sería necio discutir, sobre todo nesa danza máxica onde, á fin, home e muller van facendo o que na vida: avanzar e retroceder, un xogo infinito de busca de afecto –e poder-, o tango, dicía, deixounos perlas que seica un día analizaremos porque paga a pena entender esa mesturada alma do arrabalde riopratense produto de cen mundos, nos que a galeguidade ten un lugar de preferencia.

As mulleres, agás que sexan nais, sacerdotisas do supremo sacrificio, son todas putas, malas coma o demo, as que buscan con teima  o derrube do home que o pobriño non ten máis ca defectiños de nada  

Pero xa aceptamos, por dicir algo, que esa voz profunda de dous pobos (o arxentino e o uruguaio) sexa machista de seu, e tomámolo a risa  –daquela maneira- como fixo Nacha Guevara hai máis de corenta anos coa súa particular homenaxe a Libertad Lamarque -en plan retranca absoluta- no tango Volvé, que pagaría a pena poñer completo e que vos convido a que busquedes na rede: …Vos serás como vos quieras / para todas las mujeres / y yo no pensaré/ si me engañás o no / pero a mi lado volvé/ volveme a mentir / o me matarás / que de vivir / sin vos no soy capaz… Unha verdadeira marabilla á que, desgrazadamente, o tempo non quita actualidade. Un anaco de Cuesta abajo, para facer boca: …Y hoy al verla envilecida y a otros brazos entregada / fue pa mí una puñalada y de celos me cegué / y le juro todavía no consigo convencerme / cómo pude contenerme y ahí nomás no la maté… Aí queda.

Que falar dos acaramelados boleros: Cosas como tú, son para quererlas, arre o demo con ese amor que che considera cousa, e aínda peor: Mujer, mujer divina/ tienes el veneno que fascina/ en tu mirar, do célebre Agustín Lara da María bonita, María da alma, ou: …Señora bonita / mire que ironía, / yo amándola tanto/ y usted tiene dueño… (dun tal Adolfo Salas). A lista é tan longa, repetitiva e noxenta, que polo noso ben a imos deixar aquí.

Na música tradicional, popular, penso que de calquera pobo do mundo, a cousa non mellora e camiña cara ese abano que vai dende á burla á nosa condición até a incitación á nosa morte vía resolutiva e sumaria. Pensades que esaxero? Pode. Mais o costume fai que non vexamos o que de tan evidente fai graza. Ten Olga Novo traballos extraordinarios sobre a pegada patriarcal, machista e violenta mesmo, no folclore galego que avergoñarían o sentido común de calquera persoa de ben, como adoita dicirse. E xa falaremos diso a fondo noutra ocasión, porque hoxe o que me propoño é unha vista de esguello á música pop e as súas mensaxes patriarcais obvias ou veladas, así que imos aló.

Vexo claro saltarme as cancións de Malú (que teño entendido as escribe o defensor nato dos dereitos das mulleres, un tal Alejandro Sanz, a quen dedicaremos, algún día parvo, un apartado especial) xa que todas elas abondan en “autoestima, empoderamento e sabedoría”, e porque son presentadas como mostra de incitación á violencia de xénero nos cursiños que se fan para detectala, por básicos que sexan. A sorpresa levámola rañando a superficie. E caerán a maioría dos ídolos –e ídolas- da nosa xuventude e da nosa madurez.

Ten Olga Novo traballos extraordinarios sobre a pegada patriarcal, machista e violenta mesmo, no folclore galego que avergoñarían o sentido común de calquera persoa de ben

Quen podería pensar que Sting (Police) faría o himno ao acoso? Pois aquí vai: Every breath you take/ every move you make/ every bond you break/ every step you take/ I´ll be watching you/ Every single day/ every word you say/ every game you play/ every night you stay/ I´ll be watching you. Por se alguén se despistou: cada alento que des, cada movemento que fagas, cada atadura que rompas, cada paso que des, estarei ollándote; cada día, cada palabra que digas, cada xogo que xogues, cada noite que te quedes, estarei ollándote. E coma toda a canción é así, unha oda á propiedade patriarcal sobre as mulleres, creo que abonda. 

A pouco que te poñas co conto os pelos vanse encrespando até o modo Angela Davis look Panteras Negras, así de sinxelo. Así que ímolo tomar con calma e deixar algo para outra vez; que quede un pouco máis desenvolvido o tema. Que falta o indie, por se o botabas de menos.

Velaquí unha excelsa mostra da lírica contemporánea, Siniestro Total, As tetas da miña noiva: As tetas da miña noiva teñen cáncer de mama/ por iso non/ por iso non/ por iso non quero tocalas. As tetas da túa noiva non teñen cáncer de mama/ por iso si/ por iso si/ por iso si eu quero tocalas. Semella que abondan os comentarios. 

Comentarios