Unha ollada AFondo á reforma da PAC

Após a aprobación da Política Agraria Común para o período 2014-2020 publicamos un caderno monográfico arredor das consecuencias que tivo para o sector agro-gandeiro galego a súa intrada na Comunidade Económica europea. Mércao xa na nosa loxa. 

Capa_A_Fondo_SG76
photo_camera Capa_A_Fondo_SG76

Coordenado polo enxeñeiro técnico agrícola e coordenador xeral da FRUGA, Manuel Dacal, esta semana publicamos un AFondo arredor da reforma da Política Agraria Común (PAC) da que avaliamos os seus elementos centrais da man dos profesores de Economía aplicada da UE, Bernardo Valdês e Edelmiro López Iglesias. 

Aliás, abordamos as consecuencias que terán as novas liñas aprobadas polas institucións comunitarias en relación aos dous piares que compoñen a PAC. Dunha banda as axudas directas e doutras os fondos destinados ao desenvolvemento rural. Face as particularidades propias do sector agro-gandeiro galego a profesora de Economía Mar Pérez Fra asegura que as dotacións financeiras son insuficientes e non reverterán solucións para espazos rurais que están, di,  "en declive".

Eis a urxencia, ao entender d@s autor@s, de que Galiza conte cunha voz propia en Bruxelas para defender os seus intereses a respeito dun sector estratéxico para o país. Unha posición que segundo a deputada do BNG no Parlamento galego, Tereixa Paz, "a Xunta non quere fixar". Embora isto significar que "as decisións europeas" provoquen, afirma, "unha limitación na capacidade produtiva" galega como reflicte, sinala Paz, "o sector lácteo". 

O sector lácteo en xaque

Neste senso, o axente de Extensión agraria, Antonio Oca, debrúzase polo miúdo nas repercusións que a nova PAC terá para as explotacións gandeiras de produción láctea cuxa viabilidade económica, apunta, non está garantida. 

Mais non só o sector lácteo se ve atinxido pola nova política agraria europea. O viño, un dos eixos estratéxicos da economía galega, tamén se verá repercutido pola PAC. Dos seus trazos xerais fálanos Xosé Manuel González Vilas, técnico da Asociación Galega de Viticultura, quen de antemán avanza que malia as potencialidades do sector vitivinícola galego e da calidade dos nosos caldos --situados entre os mellores do mundo-- "Galiza obtén menos dos 2% dos fondos destinados ao viño". 

A españolización da política agraria

Finalmente, o coordenador do caderno e enxeñeiro técnico agrícola, Manuel da Cal, describe como a "españolización da política agraria" a través da estratexia recentralizadora posta a andar polo Partido Popular na Galiza e Madrid, está a pór en xaque o sector agro-gandeiro galego. 

Podes ler o noso AFondo mercando o semanario nos quiosques e librarías do país ou facéndote con el na nosa loxa. 

Comentarios