Oliver Laxe: "Neste filme gañei en claridade sen perder escuridade"

'O que arde', terceira longametraxe de Oliver Laxe (París, 1982), retrata un tempo, un lugar, rostros. Luz, árbores. O lume. Amador sae de prisión despois de condenado por incendiario e atopa a súa nai, Benedicta. Viven nunha aldea dos Ancares. Un mundo que retrocede e unha maneira de habitar que se extingue. Pero o filme tamén celebra o que respira. Agradece o dado. Por vez primeira, o festival de Cannes acolleu unha proxección en lingua galega. E distinguiuna co Premio do Xurado da sección 'Un Certain Regard'. É a súa terceira obra galardoada no certame francés. Sermos conversa con Laxe, aínda de regreso a Galiza desde a Costa Azul francesa. Eis un avanzo da entrevista publicada no Sermos 349.

oliver laxe

Houbo algo que o sorprendese da recepción de O que arde en Cannes?

Sorprendeume que foi mellor recibida do que agardaba. Hai, por exemplo, unha secuencia do coche en que utilizamos un tema de Leonard Cohen. Eu tíñalle algo de medo á escena e a verdade é que pasou todo o contrario: foi moi apreciada. Tamén resultou agradábel unha secuencia eminentemente galega, o encontro entre Amador e Benedicta despois de non verse nun tempo. A maneira en que falan, a maneira en que se comunican, a maneira que ten a nai de recibir o fillo, é moi galega. Porén, foi familiar para todo o mundo. Cúmprese aquilo de que, canto máis profundizas na esencia, máis universal es.

Por que temía que non fose de todo ben recibida?

Por inseguridade. Nunca sabes. Son moitas películas en competición. Eu estaba moi tranquilo, sabía que tiñamos un moi bo filme, pero non pensaba que chegase a ser unha das sensacións do festival.

Un filme tamén é unha maneira de comunicarse cos outros e sempre existe un punto de incerteza.

Si, claro. Eu non son deses cineastas que din que lles dá bastante igual o que a xente pense ou non. Paréceme que iso está no centro do meu traballo, que o que fago sirva para alguén.

Dicía que canto máis se achega un á esencia, máis universal é. O particular termina sendo universal? Si. Fixen un filme no fondo moi íntimo, na miña casa, cos meus. Cando a película é tan esencial e estrutural para o autor, algo desa verdade reflíctese nas imaxes, danlle fondura. Cando o filme é necesario para o autor nótase. Séntese, mellor dito.

E iso transmítese á espectadora.

Hai algo puro, algo profundo. Non deixa de ser atrevido facer un filme na túa aldea. É un xesto, dentro do que cabe, valente. Porque todos fuximos da aldea e sacar algo fermoso diso… Pouca xente da que viu o filme sabía que filmara na miña casa, na miña aldea. Cando o comento, algo encaixa.

Podes ler a entrevista íntegra no Sermos 349, dispoñíbel na nosa loxa

Comentarios