É compositora, pianista e pandeireteira na banda Timparrantela

Olga Brañas: "Na música non seguimos un patrón, mais sempre miramos o son de raíz"

Olga Brañas integra Timparrantela, xunto a Lorena Sotelo, María Blanco, Olalla López, Olalla Rodríguez, Raquel Huete e Marta Figueiredo. Unha banda que saca agora, con Editorial Galaxia, o libro-disco Se te quixen foi polos grelos. Conversamos con Olga sobre este traballo e a situación actual da música.
olgabranhas
photo_camera A pianista e pandereteira de Timparrantela, Olga Brañas. (Foto: Jerry Noia)

Hai apenas unha semana que o libro-disco Se te quixen foi polos grelos chegou ás librarías do país. Teñen idea de como está a responder o público?

De momento, é moi cedo e non podo dicir moito, pero as persoas que me contaron que escoitaron o disco están sorprendidas porque se trata dun traballo con bastante personalidade, diferente. Así que, nese sentido, está a ter boa acollida.

Cóntenos, para quen non o saiba, en que consiste este traballo de Timparrantela?

Hai moitas formas de facer un libro-disco, e a que nós escollemos, no que se refire á parte literaria é moi pouco cargada, con moito aire, moi estética, bonita de ver, sen demasiado texto, só están as letras, os créditos e un par de textos pequeniños.

As ideas principais ou os leit motiv son por un lado os grelos, xa que se titula Se te quixen foi polos grelos, así que estamos nós nun campiño de grelos; e por outro lado, están de protagonistas do libro-disco os palcos da música.

E non só retratando os palcos enteiros, senón tamén detalles fermosísimos que hai, porque temos moitos palcos na Galiza, somos unha fonte incríbel. 

Os dous leit motiv, grelos e palcos, conéctanse coa nosa idea de que por moito que nos modernicemos sempre temos que ter claro onde están as nosas raíces.

Pola parte da música, non seguimos ningún patrón, é dicir, non nos cinguimos a ningunha fórmula senón que foi todo moi libre, cousa que agradezo á Editorial Galaxia que nos deu moitísima liberdade para levar adiante o proxecto. Os temas xogan entre o estilo dos Balcáns até unha muiñeira, un bolero, un tango... Pero todo mirando, sempre, á música de raíz.

Como foi o proceso de produción e gravación do libro-disco?

Xa co grupo conformado xurdiunos, ao pouco tempo, o contrato con Galaxia, así que a finais de 2019 centrámonos na música, que era para nós o máis importante e o máis difícil, porque para todas e cada unha de nós supuxo un esforzo no estudio, non é un disco fácil de gravar.

Unha vez feita a música esperamos un par de meses para que houbese grelos, porque queriamos unha foto cunha planta que hai nunha tempada do ano concreta... E o caso é que iamos facer un videoclip xusto na semana na que se declarou o estado de alarma...

Agora iamos facelo na mesma época, pero volvemos ao fechamento perimetral, das salas de concertos... Foi para nós algo desolador, logo de pegarnos un maratón para poder gravar, porque hai que cumprir os prazos, e estaba todo parado... Cando Galaxia nos dixo que sairía este mes, volvemos motivarnos... 

Por que optan por este formato e non por un CD ou publicar unha serie de temas nunha plataforma dixital?

Pois porque somos unhas románticas e aínda cremos que pode haber xente interesada en ter un traballo nas mans, abrilo, cheirar as follas novas dun libro, ir escoitando un disco mentres se ve unha produción gráfica moi coidada.

Eu, e moitas das compañeiras tamén, sigo usando discos... Penso que nos negamos a deixar esa parte tan importante, porque ao oínte lle estamos a presentar un produto moi coidado, e non cremos que fose igual se simplemente se puidese descargar a música.

Ademais está a información que podemos engadir, como é a letra do tema, os textos que nos fixeron sete poetas galegas e galegos, as fotos que nos representan... Iso para nós é unha cuestión moi importante.

Agora non se pode tocar en directo, suple o libro-disco isto dalgunha maneira? 

Definitivamente, non. Estamos moi ilusionadas, por suposto, con este libro-disco, estamos moi contentas e consideramos que nos representa. Pero o directo non hai nada que o poida suplir. A calor humana, a xente que te está a escoitar... non ten nada que ver, queremos volver tocar asiduamente canto antes, porque o verán pasado tivemos un concerto, non tivemos máis.

Realizarán presentacións en liña ou como farán?

Estamos a falar da presentación, de facela nun xardín, nunha situación máis segura ao ser ao aire libre... Coido que das presentacións en liña xa a xente está un pouco saturada, porque iso foi un substitutivo, que estivo moi ben para unha tempada, pero xa foi.

As autoridades teñen que abrir un pouco máis a man, porque se nos afunden a nós, cando isto remate non vai quedar ninguén con forza para seguir facendo cultura.

Temos moita cousa apalabrada con concellos e con outras administracións pero non se pode pór o día... Estamos á expectativa de que se estabilice un pouco todo e poidamos fixar concertos.

"O libro-disco é para quen valora a cultura"

Timparrantela foron das músicas que se sumaron ás campañas da "Cultura segura", ao "Non nos canceles"... Mais aínda asegura que queda "todo por pelexar", afirma Olga Brañas, "Está claro que por moito que pelexemos, neste campo non avanzamos rapidamente, porque a mentalidade xeral é de valorar moi pouquiño a cultura e pensar que somos totalmente prescindíbeis".

Contra iso, a compositora recalca que "estamos a ver que a cultura foi case o que nos salvou mental e psicoloxicamente de non caer nunha depresión coa situación que vivimos". 

"E por sorte si que hai xente que valora a cultura e que ve a necesidade do que facemos e, precisamente, este libro-disco é para esa xente, para que teñan a oportunidade de apoiar e coñecer este material e nós, dalgún xeito, sentir que non estamos aquí para nada", conclúe a pianista de Timparrantela, Olga Brañas.

Comentarios