Oink! O porco bravo xa chegou aos quiosques

“Oink!”, a revista do Xabarín, xa está nos quiosques. O personaxe de noso co que xa se criaron varias xeracións, o porco bravo que achegou a música rock e a televisión en galego á cativada é o protagonista da nova revista, a única infantil en galego. 

Capa de Oink!
photo_camera Xabarín

“Sorpréndeche verme no papel? Pois aquí estou, cunha revista chea de novas, reportaxes, pasatempos... unha orea de cousas abraiantes e curiosas que hai polo mundo adiante e mesmo das que hai fóra do noso planeta”. Así se presenta o porco bravo no primeiro número dunha revista que achega ás galaxias e á pintura rupestre, ensina como recuperar un fosil ou facer un foguete en origami, móstranos unha oferta de libros e entretén con Fiz, Iria ou os gatos descarrirados entre outras personaxes que habitan o universo do porco bravo. Seccións divulgativas, de entretemento e moita, moita banda deseñada, son as marcas da nova publicación que sigue o espírito do Xabarín. O prezo é de 3 euros e a periodicidade mensual. 

Unica na nosa lingua

Marcos Ferreira e Lucía Castro están á fronte de Agalip, a empresa que ideou levar ao Xabarín á publicación mensual para crianzas en galego.  “Somos pais e comprobamos que non existe ningunha publicación na nosa lingua para os máis cativos e de aí xurdiu a idea. As que hai uniformizan e o Xabarín é unha figura que forma parte da nos cultura e influíu na xeración dos que agora somos pais” comenta Marcos Ferreira, un dos promotores da iniciativa. 

Contan con colaboracións en debuxo, asesorías didácticas ou xornalistas.  Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno e Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto integran a listaxe que dar vida ao Xabarín en “Oink!”. Unha chea de autores de banda deseñada, comandados por Kiko da Silva e co autor do porco bravo, Miguelanxo Prado, entre eles, danlle entidade á nova publicación, unha revista que promete tamén música, entre outras moitas sorpresas.  

A estrela televisiva, que acompañou xa a varias xeracións, regresa en formato papel, cos valores de seu para entreter e informar ás crianzas das casas. “Oink quere ser unha revista divertida, dinámica e, tamén educativa. Queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles” defenden os promotores.  

Máis en Okapi no Courel
Comentarios