Opinión

Oiga

Velaí a palabra iniciática das respostas do señor Feijoo, seguida logo de “mire usted”. El anda na propaganda chulescomentireira da súa campaña. Hai que velo crido de liderado intelixente falando da UE na radio como se esta for a marabilla á que se lle debe vida e obediencia. Pois daquela preguntamos que somos nós dela, alugueiros ou copropietarios? Di que este goberno do Estado non é homologable na UE e sentíndose estadista pregunta que lle debe España a Bildu? De primeiras, respecto. Non foron postos a dedo. Teñen representación da cidadanía de Euskal Herria. Hai algo máis lexítimo? Quen non permite chegar a acordos con eles? Onde se di tal cousa? Nótase que non é preciso o coronavirus para poñer as ideoloxías en limpo.

“Oiga, mire uste”, por onde hai que andar para afirmar estabilidade? Polos diálogos ou polas intolerancias de crérense infalibles dicindo non aos demais? Ben se ve como se reproducen desigualdades A democracia non lle é disimular o que se é, nin un “dillo ti que a min dáme a risa”. A democracia está nos respectos e no recoñecer en liberdade, desde o máis limpo dos pensamentos. Non en asustar o pobo coa fin do mundo cando se acordan medidas xustas.

“Oiga, mire usted” señor Feijoo, Galiza nas súas mans leva consigo unha agulla de aceiro que nos vai aos corazóns e por iso temos que loitar e traballar para en futuro amañar tanto despropósito. Tamén para poñer á mira as mentiras dos seus discursos triunfantes. Fale pouco e fale ben. Saiba que cando no barrio do Castiñeiriño alguén botaba por fóra, dicíanlle “que o digan os feitos”. O pobo é sabio. Tome nota.

Comentarios