Comicios presidenciais

A OEA acepta facer unha auditoría do proceso electoral en Bolivia

A Organización dos Estados Americanos respondeu afirmativamente á solicitude realizada pola Administración boliviana ante as protestas da oposición pola paralización do reconto, que apuntaba unha segunda volta. Con todo, a organización panamericanista comprometeuse sempre e cando as súas conclusións sexan vinculantes. Evo Morales, que revalidaría o seu cargo tras a última actualización dos datos, denuncia que no país “está en marcha un golpe de Estado”.

oea-resposta
photo_camera A carta de resposta da OEA á petición do reconto por parte de Bolivia

Nunha misiva datada esta pasada terza feira, 22 de outubro, a Organización dos Estados Americanos (OEA) comunica a súa aceptación do convite para “verificar a transparencia e lexitimidade do proceso electoral”, feito polo Órgano Electoral Plurinacional de Bolivia, “que comprenda, entre outros aspectos, a verificación de cómputos, aspectos estadísticos, verificación do proceso e cadea de custodia”.

Non obstante, a OEA sinala que “coa finalidade de asegurar a máxima seriedade e rigorosidade ao exercicio proposto, enténdese qie as conclusións do mesmo han ser de carácter vinculante”. A carta fíxoo pública na súa conta do Twitter o secretario xeral do organismo multinacional, o uruguaio Luis Almagro.

A petición por parte da Administración boliviana chega tras as acusacións de fraude por parte dos partidos opositores, nomeadamente de Carlos Mesa, líder da alianza Comunidade Cidadá e candidato a desbancar do poder a Evo Morales despois de case 15 anos no poder.

“Non imos recoñecer este resultado electoral fraudulento”, sinalou Mesa ante un grupo de manifestantes na noite desta terza feira, 22 de outubro (horario local), e chamou a “arrincar a segunda volta electoral gañada co voto popular”.

Paro no reconto

A lista de Evo Morales á Presidencia de Bolivia proclamouse vencedora das eleccións desde pasado domingo. O reconto suspendeuse con 83,76% do voto escrutado. Nese momento, os resultados indicaban que Morales non chegaría á maioría absoluta (nin tendo máis do 40% dos votos tampouco tiña unha diferenza de 10 puntos sobre o segundo), polo que o proceso precisaría dunha segunda volta. Esta segunda volta -inédita no país andino e prevista para o 15 de decembro- entre os dous primeiros partidos poría en serio perigo a continuidade no cargo de Morales.

Tras 24 horas de suspenso, o Tribunal Supremo Electoral de Bolivia (TSE) actualizou os datos do reconto co voto chegado das zonas rurais -a priori, favorábel a Evo Morales-, sinalando que o actual presidente revalidaría por unha estreitísima marxe (46,86% fronte ao 36,72%) o seu cargo sen necesidade da segunda volta.

"Defender a democracia"

Ante as protestas dos opositores, o presidente boliviano denunciou na mañá desta cuarta feira que no país “está en marcha un golpe de Estado”. “Fago un chamamento aos organismos internacionais a defender a democracia”, sinalou ante os medios, e advertiu que “non imos buscar a confrontación mais imos defender a democracia”.

Comentarios