Opinión

Obxectos de diversión?

O venres da semana pasada, na mesma cidade onde pouco máis tarde un home asasinaba outra muller, a miña curmá e mais eu entrabamos no aparcadoiro de Santo Domingo, conversando sobre as nosas cousas. Era xa de noite, mais non tarde, e o subterráneo estaba deserto. Mentres a miña curmá buscaba a carteira, uns catro ou cinco homes que o meu sexto sentido detectara xa no exterior, entraron cantando entre risas "El violador eres tú" e na mesma actitude se puxeron xusto detrás nosa. A miña curmá, que aínda non atopara a carteira, deixoulles paso sen atender en primeiro momento a que estaban dicindo exactamente e, mentres pagaban, decatámonos con claridade dos berros que proseguiron logo aparcadoiro abaixo: "somos la manada de Lugo". Para daquelas eu xa tiña o móbil na man e a miña curmá e mais eu, sen inmutarnos nin movernos, simplemente segui mos falando en voz alta dicindo que violadores non se sabe pero gilipollas estaba claro que eran.

Hai uns meses, no metro do Porto, varios mozos que falaban francés íanse rindo dunha señora maior e facíanlle caras a unha moza sen que esta se decatase. Cando o vagón ía xa case baleiro, un deles comezou a facer que se botaban cara a min. Vireime cara a el e en francés lle dixen: "como me toques saes do metro sen tocar o chan". A súa estupefacción foi indescritible.

Cando era adolescente, grupos de mozos se dedicaban a tocarme o cu cando ía soa pola Avda da Coruña para logo rirse cando eu me daba a volta. Tres eventos de tantos que manifestan que, na nosa sociedade, a diversión dos homes se formula sempre como ameaza cara ás mulleres e mozas. Destes comportamentos do día a día, de levantar as saias nos recreos, de tocar sen permiso, de falar de nós coma cachos de carne, chegamos ás visitas a prostíbulos e ás violacións en grupo. Eles definen cos seus comportamentos grupais o que é "divertido", o que é "broma", construíndonos a nós coma obxectos aos que ridiculizar e asustar. Nas redes, amplifican cada día estas condutas. E mentres eles rin, outros homes miran, igualmente responsables. Pero logo, claro, o problema é que non temos sentido do humor. Non aceptamos "unha broma", "censuramos". Porque na masculinidade dominante, esa mesma que carga a man dos que apuñalan, o problema non son os comportamentos violentos dos homes, senón o dedo que sinala. E ata que iso non se atalle, seguiremos abrindo o xornal cos mesmos titulares.

Comentarios