Opinión

A obsesión do PPdeG pola vitoria do 2009

 

Que Núñez Feijoo decidira celebrar, coa máxima relevancia publicitaria, os dez anos daquela vitoria electoral do PPdG que propiciou a súa chegada á presidencia da Xunta, podería ser catalogada como unha anedota atribuíbel á inevitábel e longa precampaña asociada ás citas do 28 de Abril e do 26 de Maio.Unha análise mais demorada das circunstancias políticas que presidiron o desenvolvemento de semellante década, coas reiteradas alusións críticas ao labor do bipartito, permiten pensar na importancia categórica outorgada polo inquilino de Montepío á derrota do goberno de coalición PSdG-BNG naquel inverno de 2009.

 

Se o goberno presidido por Pérez Touriño foi tan nefasto como predican dende as tribunas do PP, por qué insistir na lembranza dunha experiencia que nin sequera completou o horizonte temporal -catro anos- que resulta habitual nas lexislaturas? De duas, unha: ou aquela andaina tivo un valor pedagóxico moi perigoso para o discurso clásico da dereita galega (“fora de nós, non existe solución”) e por iso hai que proceder a unha demonización sistemática de semellante alternativa política ou Feijoo quere agochar as notábeis carencias da súa xestión cunha atención obsesiva sobre o pasado.Ocorre, ademais, que esta mirada polo retrovisor renuncia deliberadamente ao período fraguista (1990-2005) no que existiron moitos vectores suxerentes para realizar comparacións e tirar conclusións.O contraste entre ambas presidencias é moi revelador.Por exemplo:Fraga fixo diversas aportacións que afondaban na lóxica do Estado das Autonomías (“autoidentificación”, “Administración única”, reforma do Senado, Conferencia de Presidentes, negociación de transferencias) mentres que Alberto Núñez mirou dende o primeiro minuto para o despacho de Mariano Rajoy (primeiro na rúa Génova e logo na Moncloa), arruinando a posibilidade histórica dunha reforma do Estatuto e conxelando o nivel competencial.Para a historia ficará que o ex-ministro franquista foi quen de pactar coa oposición existente no Pazo do Hórreo un Plan de desenvolvemento da Lei de Normalización lingüística e o político dos Peares fixo unha contrarreforma para satisfacer aos votantes captados polas campañas de “Galicia Bilingüe”.

 

Tense dito, con razón, que o PPdG gañou no 2009 por deméritos alleos mais que por acertos propios.Aproveitou a desmobilización rexistrada nunha parte do electorado das forzas da coalición gobernamental por mor de diversos factores (excesivo nivel de competición interna en San Caetano, infravaloración do poder organizativo e social acumulado polo PP, forte belixerancia dun segmento relevante do mundo mediático, errada selección dunha data electoral pouco afastada dos primeiros impactos da crise económica...).A pesar do que se ten escrito e falado con posterioridade, non resulta doado identificar cal foi, naquel momento, o valor engadido por Alberto Núñez que permita explicar un éxito que nin él mesmo agardaba.

 

Como é sabido, o PPdG incrementou a súa maioría parlamentaria nos comicios posteriores de 2012 e de 2016.Semellante feito non se pode entender sen lembrar dúas circunstancias específicas.Dunha banda, os bós resultados acadados por este partido nas municipais de 2011 e nas xerais dese mesmo ano.E pola outra, os conflitos internos padecidos polo PSdG e polo BNG.Mais unha vez, Feijoo tirou proveito de feitos tan chamativos como a retirada de Touriño e Quintana da vida política, as consecuencias derivadas da Asemblea nacionalista celebrada en Amio ou a imputación xudicial padecida por Gómez Besteiro.

 

A esaxeración conmemorativa do PP a respecto do 1-M de 2009 contrasta coas poucas análises realizadas durante todos estes anos polos protagonistas daquela coalición gobernamental.PSdG e BNG fixeron unha reivindicación “ligth” das luces que foron quen de proxectar a toda a sociedade galega e non acometeron a necesaria reflexión autocrítica sobre as sombras presentes naquela experiencia.Ambas formacións -e as que xurdiron posteriormente no ámbito da esquerda e do nacionalismo- saben que, se no futuro hai condicións para facer efectiva unha alternativa na Xunta, será necesario corrixir os erros do pasado e actualizar o valioso capital político acumulado entre 2005 e 2009.

Comentarios