O Obradoiro consolídase como unha das sensacións da Liga ACB

Básquet Coruña estréase con derrota na LEB Ouro e COB Ourense gaña na casa
O lendario Albert Oliver tornou no quinto home en repartir 2.000 asistencias na Liga ACB. (Foto: ACB).
photo_camera O lendario Albert Oliver tornou no quinto home en repartir 2.000 asistencias na Liga ACB. (Foto: ACB).

Sorte dispar para os principais equipos galegos de Baloncesto. Na Liga ACB, o Obradoiro consolídase como a revelación da categoría e xa ocupa a cuarta posición na táboa clasificatoria logo de derrotar Herbalife Gran Canaria por 75-85 na casa do conxunto insular.  

A pesar da teórica superioridade galega -o Herbalife exerce  como fechacancelas-, os de Moncho López saltaron moi concentrados á pista desde o comezo dun encontro que estivo protagonizado pola importancia do xogo exterior en ambos os conxuntos.

Shurna guiaba o seu equipo, anotando sete puntos, mentres que os  obradoiristas estaban en mans de Robertson, que anotou 13 puntos no primeiro cuarto. Pero a intensidade defensiva dos canarios provocou que os  obradoiristas tiveran nese primeiro período até seis perdas de balón, que impediron que o equipo collese vantaxe e fose a remolque do seu rival durante varios minutos.

Aínda así, o Monbus Obradoiro conseguiu reporse grazas ao bo traballo no rebote, con oito capturas, e ao acerto desde a liña de 6,75, anotando seis de sete nun primeiro cuarto no que Albert Oliver fixo historia converténdose no quinto home en repartir 2.000 asistencias na Liga ACB, logo dun espectacular pase por detrás ao seu compañeiro Kassius  Robertson, que finalizou a xogada cun 3+1. 

A igualdade foi a tónica dominante até o último cuarto, no que o Obradoiro engadiu un punto extra de velocidade que lle permitiu imporse no marcador. Así, Cohen sumou para igualar o resultado a 70 no minuto 36 e, grazas ao bo trallo de Birutis na zona e de Robertson nas xogadas finais, o encontro acabou 75-85, quinta vitoria da tempada para os de Compostela, que sen case tempo para descansar reciben hoxe no Sar ás 21.15 horas o Valencia Básket.

Cara e cruz para os galegos na LEB Ouro

Co partido do Breogán de Lugo contra Universidade de Burgos adiado polos casos de coronavirus detectados no conxunto galego, Básquet Coruña e COB Ourense foron os únicos representantes da Galiza na LEB Ouro que competiron esta fin de semana.

Os coruñeses debutaron na segunda categoría logo de que na primeira xornada non puidesen facelo a causa dos positivos en coronavirus no seu rival. Lamentabelmente, caeron ante o Valladolid por 67-80 nun encontro no que a escuadra coruñesa non tivo ningunha opción ante os pucelanos, que chegaron ao descanso cunha demoledora vantaxe de 20 puntos (40-60). 

Mais o peor non foi a derrota, senón a gravísima lesión de Mouha Barro, quen nunha xogada fortuíta no terceiro cuarto rompeu o ligamento cruzado anterior, coa mala sorte engadida de que foi no mesmo xeonllo que xa mancara a tempada pasada na liga francesa.

Pola súa banda, o COB Ourense conseguiu a súa primeira vitoria da tempada nun Pazo dos Deportes Paco Paz, no que non estivo autorizada a presenza de público, por 75-68 ante Destino Palencia.

  Esta vez non se repetiron os erros da pasada xornada ante o Valladolid, e os ourensáns non deixaron escapar a máis que merecida vantaxe coa que chegaron aos últimos minutos, como insistía a pasada semana nunha entrevista a Nós Diario o técnico Gonzalo García. Non obstante, e a pesar da súa superioridade, o equipo volveu deixar pasar moitas oportunidades de sentenciar o encontro e non pasar apuros nos tramos finais.

Comentarios