Opinión

A obra redencional de Manuel María

Se a celebración do Día das Letras Galegas 2015 foi minimizada por moitos motivos, a de 2016 dedicada ao poeta e escritor Manuel María, augura unha enorme mobilización en tódalas áreas culturais e sociais do noso país.

Se a celebración do Día das Letras Galegas 2015 foi minimizada por moitos motivos, a de 2016 dedicada ao poeta e escritor Manuel María, augura unha enorme mobilización en tódalas áreas culturais e sociais do noso país. Porque o homenaxeado no dito ano, aflora un enorme sentimento en todos os que o coñecemos, o tratamos e fomos seus amigos. 

"Se a celebración do Día das Letras Galegas 2015 foi minimizada por moitos motivos, a de 2016 dedicada ao poeta e escritor Manuel María, augura unha enorme mobilización en tódalas áreas culturais e sociais do noso país".

Manuel foi un home moi singular, un mestre que ocupou a trincheira da palabra comunal, a que se herda, se practica e se defende na lexitimidade do que é noso. Así, pois, alén do poeta está o humanista que escudriñou cada eido, cada recanto da Galiza popular, recreada en seus versos. Aí están tódalas benquerencias pola nosa nación e que el mostrou con rotunda belixerancia, ante os que a negan. 

A poesía e toda a escrita do poeta chairego está centrada nas esencias orixinais na que se dimensiona a nosa cultura e a nosa historia. Na súa escrita están os apeiros necesarios de autodefensa para rehabilitar o que se perde e esgrimir a dialéctica mais puntual ante os que tratan de subordinarnos e proclamar desfeita. En definitiva, a súa numerosa e cualificada obra é contundente contra os que nos aldraxan dunha maneira solapada.

2016 será un ano de reencontro, ao redor dun escritor vital, onde a súa obra abrirase de novo e nela atoparemos amplas descubertas e significados, no que están as claves dese amor que Manuel perpetuou a Galiza. Aí está a dimensión dun intelectual que soubo comprometerse cun ideario firme en contundencias, en denunciar in situ as agresións cometidas coa súa patria. A vida enteira de Manuel estivo virada cara os apelos que a sociedade galega esixía, en loita contra a ditadura. Todo un inventario de presenzas e denuncias, do noso escritor, testemuñan esa veracidade irrenunciábel que, sen dúbida, lévannos a afondar e dialogar con Manuel en tódalas direccións.

"Estamos ante un ano fecundo para percibir o perfil humano dun home que tocou tódalas teclas da creación literaria, resplandecendo no escenario de tódalas Galizas posíbeis"

A obra redencional de Manuel María ábrenos un intenso ventallo de particularidades temáticas, tan densas como fecundas, de rotunda orixinalidade, sexa na poesía, na prosa, no teatro, na extraordinaria literatura infantil e nos numerosos artigos de prensa, elementos básicos que nos abren camiño para verificar diversas problemáticas que aínda están presentes no cotián galego. 

Estamos ante un ano fecundo para percibir o perfil humano dun home que tocou tódalas teclas da creación literaria, resplandecendo no escenario de tódalas Galizas posíbeis. Isto facilita estar no debate puntual que Manuel nos suxeriu e será o toque fundamental de comprender o seu ideario nacionalista: opción que el mantivo dignamente nese proxecto redencional que nos resulta envolvente, en defensa dunha Galiza plena e de seu. Un debate fértil que virá a esclarecer a xenerosidade e a entrega que el mostrou pola normalización das nosas peculiaridades, devastadas por alleos que nos desgobernan e colonizan.

Na obra de Manuel persiste a honestidade e o proceder co colectivo nacional galego: fonte emerxente de augas claras á que temos de beber se amamos esta Galiza prodixiosa que el amou e defendeu e, sobre todo, manifestou ideas innovadoras das que aínda moitos galegos carecemos. Manuel María é un exemplo a imitar por moitas características da súa personalidade extravertida, pola súa pedagoxía e polo seu afán de descuberta. Por descubrirnos camiños sen desandar, para vencer oprobios que negan patria e memoria.

"Podemos considerar a Manuel María un dos dinamizadores desa militancia cultural, social e política que precisaba Galiza nos anos da temida dictadura".

Manuel sempre deu a mao, protectora e hospitalaria, a moitas persoas para facer país por medio da poesía. A colección Val de Lemos, por el creada en tempos difíciles, foi unha canle necesaria en acoller novas voces da poesía galega –eu fun un dos agraciados-. Unha maneira nobre de facer e engrandecer país. De procurar compromisos para dimensionar a dignidade cívica, nunha loita política sen precedentes, na que podemos considerar a Manuel María un dos dinamizadores desa militancia cultural, social e política que precisaba Galiza nos anos da temida dictadura.

Ábrese, pois, a homenaxe ao noso poeta nacional o Día das Letras Galegas de 2016; coa presenza íntima, coa memoria e o resplandor dunha vida enteira cargada de esencias galegas, de convivios e de plenitudes que sempre manifestou Manuel María.

Comentarios