Opinión

Unha obra mestra da política

Dicía Marx que as sociedades só se plantexan aqueles problemas que son capaces de resolver.

Dicía Marx que as sociedades só se plantexan aqueles problemas que son capaces de resolver. Outra cousa é que os resolvan en sentido positivo ou non. Un sector moi relevante da sociedade catalá apostou no seu momento na fundación dun Estado propio, a República de Catalunya. Formouse así un bloco independentista, integrado polos componentes clásicos e por segmentos novos, liderados por un partido e por un político, Artur Mas, que asumía así un compromiso histórico e a rotura co tradicional pactismo con Madrid do nacionalismo pequeno-burgués catalán, isto é, a rotura co pujolismo.

Ese bloco independentista gañou as plebiscitarias do 27S sen superar o 50% de votos, mais si con maioría absoluta de escanos, o mínimo imprescindíbel para abrir un proceso cara á independencia. As eleccións formuláronse como plebiscitarias, embora seren apenas lexislativas, porque a legalidade española -e a política española dominante- non permitiu a realización dun referendo vinculante. O resultado desas plebiscitarias foi claro: maioría de asentos independentistas no Parlament. Mais todo Parlament ten de elexer presidente. Aí xurdiu o problema. Junts pel Sí apostaba en Mas para ancorar o apoio dos sectores sociais pequeno-burgueses á causa independentista, que é a única causa xenuínamente rupturista en Catalunya. O problema estaba en que a completude da maioría absoluta independentista pasaba polos 10 escanos da CUP e a CUP fixera campaña contra a investidura de Mas. Un problema difícil, un problema endiañado, mais un problema -lembremos Marx- solúbel. Só facía falta paciencia, imaxinación e toneladas de talento político.

Un problema difícil, un problema endiañado, mais un problema -lembremos Marx- solúbel. Só facía falta paciencia, imaxinación e toneladas de talento político

Facía falta algo máis: patriotismo. Si -e desculpen por antecipado as e os posmodernos, as e os amantes do pensamento débil- hai que recuperar esta palabra. Pór o país por diante das cobizas persoais, dos proxectos biográficos curto-pracistas. O desfecho desta crise política vivida en Catalunya apartir do 27S -a decisión de Mas de se pór a un lado- é inexplicábel sen apelarmos ao patriotismo.

Patriotismo e olfato político, o de Artur Mas. A xogada final ten moito de obra mestra. Mas quixo ser investido e tanto forzou a máquina que puxo á beira da ruptura a unha organización fulcral e fundamental para a independencia de Catalunya, a CUP. Forzou a máquina, mais soubo levantar o pé do acelerador no momento xusto para non haber nen vencedores nen vencidos. Xogou en todo momento cun as na manga, sabedor de que en último caso sempre podería desbloquear a situación coa súa renuncia in extremis. E aí, no match ball, Mas demostrou o que é: un político de enorme altura, un líder. Cedeu unha baza á CUP nada desdeñábel -a formación soberanista e anticapitalista sempre poderá dicer que foi coherente e non investirá a quen ao seu xuízo simboliza neoliberalismo e corrupción-, aliás conseguiu en troca o apoio parlamentar explícito da organización anticapitalista ao novo Govern, tanto que até dous parlamentares cupaires se integrarán de facto no grupo parlamentar de JxSí. Un golazo pola escuadra.

Patriotismo e olfato político, o de Artur Mas. A xogada final ten moito de obra mestra

O resultado é o seguinte: Catalunya terá o primeiro goberno independentista da súa historia cun mandato inequívoco de construír a República catalá. Unha clara derrota política para o unionismo e unha freada en seco para as aspiracións de En Comú Podem. Os ollos están postos agora en Madrid: é doado predicer a presión das elites financeiras e mediáticas a prol da formación dun goberno de concentración españolista contra Catalunya. Resistirá Pedro Sánchez?

Comentarios