'Citizen' supuxo o seu xiro cara ao teatro documento

A obra de Chévere sobre o imperio Inditex chega a formato libro

A vida e obra de Amancio Ortega, tan silenciada e descoñecida alén do ditirambo habitual nos medios de comunicación dominantes, ben merecía un documental de investigación e interpretación. Algo así pensou a compañía Chévere cando, na tempada 2010-2011 presentou a impoñente Citizen, inspirada no imperio Inditex. Kalandraka edítaa agora en formato libro.

citizen
photo_camera Os actores Manuel Cortés e Patricia de Lorenzo nunha escena de 'Citizen'. Foto: RedeNasa.

Catro horas de duración estruturadas en tres partes formaban unha historia estreada conxuntamente o 17 de marzo de 2011 con dirección de Xesús Ron, texto de Manuel Cortés e personaxes a cargo das actrices Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Vilar, Nekane Fernández e Iván Marcos. Era o xiro da compañía cara ao teatro documento que logo practicou en pezas como Eurozone (2013) ou Eroski Paraíso (2016).citizen cuberta kalandraka

“A suma de tres pezas fala da construción dun imperio económico desde a periferia”, escribe Ron na introdución do volume de Kalandraka, “de como utilizar o que nos ofrece a historia en beneficio propio, de como se constrúe a realidade como se se tratase dun culebrón”. O dramaturgo define o traballo da compañía: “Citizen é unha historia de ficción baseada nun personaxe real chamado Amancio Ortega”.

Ron lembra ademais a peripecia da obra, a última que Chévere creou integramente na Sala Nasa de Compostela, antes de que un conflito co daquela alcalde Gerardo Conde Roa os levase ao concello lindeiro de Teo. Alí manteñen a súa base na actualidade.

“Citizen naceu de facerse moitas preguntas e acabou por ser a nosa resposta como compañía a algunhas delas: que historias nos corresponda contar a nós enriba dun escenario? Cmo as debemos contar?”, engade Ron no limiar, titulado A extrema sinxeleza do teatro, “porque Zara era ao mesmo tempo un caso de éxito individual e a confirmación do fracaso colectivo como país”.

Con referencias ao Cidadán Kane de Orson Welles ou ao cinema brechtiano do danés Lars von Trier no inicio de século, a obra de Chévere que lles franqueou o paso á repercusión fóra de Galiza -culminada co Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura en 2014- é “teatro de texto, teatro documental, performance, comedia, audiovisual. Pero sobre todo, teatro”.

Nota: cuberta da edición de Citizen en libro.

Comentarios