A obesidade, unha cuestión de diñeiro

As medidas aprobadas por México para atallar a epidemia de obesidade están a bater coa oposición dos EUA ou da UE, economías que albergan as maiores produtoras de alimentos do mundo. O 1 de outubro debe entrar en vigor a nova norma de etiquetaxe da 'comida lixo', mais compañías como Nestlé presionan por unha moratoria.
etiqueta_mexico_obesidade
photo_camera Etiquetas de símbolos hexagonais nun paquete de galletas, alertando do seu alto contido en azucres, graxas saturadas e calorías (gob.mx)

Máis da metade da poboación en 34 dos 36 países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) padece sobrepeso e unha de catro persoas é obesa, segundo o último informe deste organismo ao respecto. Calcúlase que nos próximos 30 anos as enfermidades relacionadas coa obesidade cobraranse a vida de máis de 90 millóns de persoas nos países da OCDE, alén de reduciren a esperanza de vida en case tres anos.

Para a economía dos Estados supón ademais un gran desembolso. Os países da OCDE dedican 8,4% do seu orzamento en sanidade ao tratamento de enfermidades relacionadas coa obesidade, o equivalente a 209 dólares (máis de 175 euros) per cápita ao ano. As cifras indican tamén que é un problema regresivo; é dicir, afecta máis ás persoas con menos ingresos. Por exemplo, na UE preBrexit, os homes e as mulleres no grupo máis baixo teñen, respectivamente, 90% e 50% máis de probabilidades de seren obesos. 

Nos países menos desenvolvidos, como México, este cóctel é insustentábel. Segundo datos do Goberno, entre 2020 e 2050 perderá 5,3% do Produto Interior Bruto (PIB) anual como consecuencia da epidemia de obesidade que sofre e que o levou a decretar a emerxencia nacional en 2016. Unha emerxencia económica, xa, segundo declarou recentemente o subsecretario de Industria mexicano, Ernesto Acevedo. 

Avisos nas etiquetas 

Para reverter a situación, a propia OCDE recomendou investir nunha mellor etiquetaxe dos alimentos, coa presentación da información nutricional, ou na regulación da publicidade, especialmente a enfocada a público infantil. Cada dólar dedicado á prevención da obesidade ─sinala o informe─ pode xerar un retorno económico multiplicado por seis e salvar a vida de entre 51.000 e 115.000 persoas ao ano nos 36 países incluídos na análise.

Seguindo estas directrices, o Senado mexicano aprobou en outubro de 2019 unha reforma da lei sobre saúde en materia de sobrepeso e obesidade. A norma, que entrará en vigor o vindeiro 1 de outubro, obriga as empresas a incluír unha etiquetaxe frontal nos alimentos e bebidas non alcohólicas que indique cando os produtos exceden os límites máximos de calorías, azucres engadidos, graxas saturadas ou sal e describa claramente os riscos para a saúde que presentan.

Tamén prohibe que conteñan personaxes, debuxos animados, celebridades, deportistas, mascotas ou elementos interactivos que, estando dirixidos ás crianzas, inciten ao consumo deste tipo de produtos popularmente coñecidos como "comida lixo" ou, nos países de América Latina como México, "comida chatarra". Un terzo das nenas e dos nenos mexicanos en idade escolar sofren sobrepeso ou obesidade, segundo os últimos datos oficiais.

Presión internacional

Non obstante, os Estados Unidos, a Unión Europea, o Canadá e Suíza están a presionar a México ─o maior consumidor de alimentos procesados de América Latina e o cuarto máis grande do mundo─ para que estabeleza unha moratoria nesta normativa, segundo figura nun documento da Organización Mundial do Comercio (OMC). 

As catro entidades albergan as maiores empresas de alimentos do mundo, a máis importante, a suíza Nestlé, que en 2019 xerou arredor de 86.000 millóns de euros en vendas, a maioría en América do Sur e do Norte.

Segundo as actas da OMC dunha reunión do 13 e 14 de maio, a delegación suíza manifestou que a norma sumará dificultades "nun momento en que os produtores, importadores e retallistas están a tratar de asegurar a subministración ininterrompida de alimentos e bebidas ao mercado mexicano", en referencia á crise sanitaria polo coronavirus. Polo seu lado, os EUA e a UE pediron un período de transición de dous anos, e o Canadá, de polo menos 12 meses.

Non é a primeira vez que as grandes multinacionais tentan frear a norma. En marzo, a xustiza aceptou un recurso de amparo presentada pola Confederación Nacional de Cámaras de Industriais para suspender de maneira provisional o proceso. 

E desde a primeira semana de xullo, empresas como Grupo Bimbo, Unilever, Coca-Cola Export Corporation, Mondelez, Jugos del Valle, Corporación del Fuerte e Hershey ─que argumentan que se verán na obriga de realizaren investimentos millonarios para modificar as liñas de produción─ presentaron tamén novos recursos de amparo. Con todo, a xustiza rexeitou conceder suspensións contra a aplicación da nova normativa.

A respecto das presións no seo da OMC, un membro da delegación mexicana citado por Reuters, manifestou: "Díxoselles que no habería máis tempo".

Comentarios