Opinión

O tufo franquista

Martxelo, Vicent, que dicir que vós non saibades! A actitude da Avogacía do Estado a respecto da sentenza que resolve o recurso presentado pola familia Franco sobre o Pazo de Meirás é lamentábel. Néganse a recorrer a decisión da Audiencia da Coruña a pesar de que dita unha indemnización á familia Franco.

O Estado considera "favorábel" aos seus intereses o veredicto e avala que os herdeiros actuaron de boa fe. Eu pregúntome: Vivían alleos á realidade os familiares de Franco? A neta que fotografaba a revista Hola no pazo roubado? Carmen Polo e Carmen Franco, que mesmo estiveron presentes na entrega do ben espoliado? A este respecto, son significativas as consideracións dos maxistrados ao cuestionaren a existencia dunha vontade por parte da familia do ditador de facerse irregularmente con parte dos predios que conforman o complexo de Meirás.

A sentenza da Audiencia da Coruña é unha mostra máis de que vivimos nun franquismo pos-Franco

Os xuíces da Audiencia da Coruña non se limitan a determinar as intencións da familia Franco e a titularidade do pazo. Dedican varias páxinas para branquear a figura do ditador e para elevar á categoría xurídica o relato sobre o proceso da Transición. Chaman a atención as valoracións sobre este período: “Estabeleceuse un pacto tácito de non revanchismo, de deixar as cousas como estaban e de ir avanzando cara ao futuro".

Atendendo ao anterior, a sentenza da Audiencia da Coruña é unha mostra máis de que vivimos nun franquismo pos-Franco, co paradoxo de pagar a quen acometeu un roubo que está máis que documentado e a quen continuou gozando doutros bens espoliados, como a Casa Cornide.

O movemento memorialístico galego ve na negativa da Avogacía do Estado a recorrer o auto un acordo entre o Executivo estatal e a familia Franco. O Executivo de Sánchez debe recorrer esta sentenza, pois outra decisión significa faltar ao respecto da memoria e dar as costas á dignidade das persoas que sufriron todo tipo de represión.

Comentarios