Opinión

O tempo e a memoria

O día en que fixen 20 anos, meu pai indicoume que o acompañase á Libraría Celta, de Lugo. Era para recoller unha estilográfica que me agasallaba por eses meus anos.

Fiquei toda surprendida e agradecida, pois o corrente era que nós, fillas, pedísemos ou pedichásemos calquer cousa que apetecíamos. Era como os pementos de Herbón: uns pican e outros, non. Nas peticións, o mesmo. Unhas podían ser atendidas e outras, non. E non pasaba nada. Se numeramos o consumo actual cun 9 sobre 10, o de naqueles anos sería 0´5. Claro que calquer produto tiña unha durabilidade que hoxe brilla pola súa ausencia, falemos de lámpadas, de aparellos ou de calquer outro útil. Por suposto, conservo e uso aquela estilográfica: escrebe perfeitamente ben. Como bon é o estado do móbel máis querido dos que teño: un armario-libraría, de castiñeiro, feito polo teu tío Benito, irmán de miña nai. 90 anos e non ten un só estante combado, a pesar do peso inmisericorde de libros ben pesados.

Naquela data dos meus estreados 20 anos, recebín dunha outra persoa un libro (Crepusculario, de Neruda) con esta dedicatoria: Tout le long de ta vie, n´importe à quelle âge, tu auras toujours dans quelque coin de ton coeur la force necéssaire pour continuer de vivre dans ce monde contradictoire (Ao longo da túa vida, a calquer idade, terás sempre nalgún recanto do teu corazón a forza necesaria para continuar a viver neste mundo contraditorio [traduzo só porque me parece que o francés xa non está na moda e pouco pinta face ao omnipotente inglés]). Esta foi a memoria que me veu estes días á mente e a que me levou á estilográfica paterna. Por que? Non o sei. Marta Da Costa, nestas páxinas, falaba tamén recentemente dos enigmas da memoria.

Máis doada semella a recordación de Entroidos que si o foron, a diferenza da ausencia actual. Lembro un, de hai moitos anos, onde me disfarcei competentemente, horrorosa máscara de goma incluída. Inxenuamente, pensei que non sería recoñecida. Ao chegar á discoteca onde combináramos, un compañeiro dime: Pilar, deixa de facer o mono e atende a xente que xa está chegando. Éxito total! Noutro ano, desta volta en Lugo, un trío de dúas e un. No remate da noite, cunhas pintas deplorábeis de conato de choqueiros, fomos á consulta médica porque a min seguía a doerme a gorxa, despois de me cravar unha espiña. O médico, novo, deulle todas as explicacións ao noso acompañante que, apurado, acertou a dicer: A... a da espiña é ela. Nen sequer no Entroido se esquece a necesaria xerarquía intelectual. El, seica, era o posuidor de capacidade e vocabulario para entender un diagnóstico. Vaites, vaites!

É ben certo que estou a falar da memoria individual e biográfica. Na outra, da colectiva, na histórica, observo síntomas preocupantes. Todo semella comezar onte, mais este tema é fariña doutro fol e daría para moito. Si penso que a nós, galegas e galegos, nos vai a vida en coñecela e valorala.

P. S. Ultimo este artigo en pleno reconto de votos das eleicións catalás. En todo caso, a maioría independentista é posíbel, se a queren e dan traballado. Ni un pas enrere, como defenden moitas catalás e cataláns.

Comentarios