Opinión

O Simca mil

Cando estaba en oitavo de EXB no colexio Mato Vizoso de Vilalba marchamos de excursión por Andalucía. Naquelas longas viaxes de autobús apareceu un conflito: o director do colexio negábase a que puxésemos a canción aquela de “Que difícil es hacer el amor en un Simca 1000”. Así que montamos unha delegación para defender o noso dereito a escoitar esa ou calquera outra canción e alá me tocou ir enfrontarme ao director. Sinceramente, non lembro o resultado da disputa, só que o momento quedou rexistrado nunha foto do director e mais eu rindo, a pesar da fenda que nos separaba.

Estes días, mentres que en moitos outros centros de ensino as direccións e profesorado acollían de bo grao a iniciativa dos rapaces de levar saia ao instituto para amosar que a roupa non ten xénero, tamén en Tui algúns tiveron que ir falar co director. Semella que as cousas non cambian só porque o tempo pase. De feito, estou convencida de que as cousas só cambian se as facemos cambiar. Nese camiño, a oposición é unha aprendizaxe. 

A diferenza do meu tempo, agora unha cuestión deste tipo saia nos medios de comunicación. Mais hai moitas outras oposicións, sobre todo as que levan a cabo as rapazas e disidentes sexuais e de xénero (non perdamos ollo desta cuestión, que logo parece que nada importa a menos que afecte ou a representen homes e mozos cishetero) que son actos cheos de coraxe e de ruptura de todos os esquemas. Dende quen se nega a aceptar imposicións ata quen a apoia.

É nese día a día onde aprender a exercer a oposición e a reafirmar os nosos dereitos fronte aos privilexios doutros se converte unha lección fundamental. Nun mundo ideal, ocorrería da man de docentes que, nun entorno de coidado e empatía nos axudasen a pensar. No mundo menos ideal no que vivimos, a miúdo acontece no salvaxe do insulto, o acoso ou a presión do poder adulto. Mais igual que eu non esquecín o debate co director do colexio por unha canción que nin me gustaba, estou certa de que cando nos apoiamos estas son as leccións de vida máis importantes. É un traballo que, se se orienta ben, axuda a empatizar e a esixir responsabilidades a quen as ten, que neste caso somos todas e todos nós, as adultas que construímos un mundo onde a complexa intersección da roupa e dos corpos parece seguir sendo un problema no canto de un espazo de liberdade e de afectos. Algo moito máis difícil de conseguir que, imaxino, “facer o amor nun Simca mil”.

Comentarios