Premio do Público Culturgal

O sector cultural selecciona tres proxectos referente pola súa actividade no país

Novos Cinemas, o Club Clavicémbalo de Lugo e o Festival dos Eidos disputan o Premio do Público Culturgal 2019. As votacións están abertas desde 5 de novembro nas redes sociais.
EIDOSFEST
photo_camera [Foto: cedida] Edición pasada do Festival dos Eidos

As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal seleccionaron o festival Novos Cinemas de Pontevedra, o Club Clavicémbalo de Lugo e o festival dos Eidos como as tres iniciativas candidatas ao premio do público na edición 2019. Escolleron visibilizar estes tres proxectos por se relacionaren directamente coa sociedade civil, fomentaren a implicación cidadá e promoveren a transversalidade e a colaboración. As votacións estarán abertas até a segunda feira 19 de novembro. A 12ª Culturgal, que se desenvolve da sexta feira 29 de novembro ao domingo 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, reserva un acto na xornada de peche para a entrega do Premio do Público.

Novos Cinemas

A edición de 2019 terá lugar de 10 a 15 de decembro, chegando á súa cuarta entrega. Un festival novo que presta especial atención ás creadoras que están comezando. Con perto de 3.000 espectadores na súa última edición, está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas con Ángel Santos, Dani Froiz e Suso Novás no equipo de dirección.

Club Clavicémbalo

O Clavi, para a veciñanza e amizades, supón un oasis na cidade de Lugo, practicamente a única sala de concertos da provincia. Con 33 anos de traxectoria, leva desde 1995 na súa actual sede na rúa Paxariños. Alberto Grandío, propietario e alma do Clavi, tiña claro que para facer público había que ofrecer calidade, por iso centra os seus esforzos nunha programación musical variada e do máis alto nivel, que tamén inclúe outras actividades relacionadas co teatro ou a poesía.

Festival dos Eidos

En Parada do Courel, na que foi antiga morada de Uxío Novoneyra, pode lerse “Chove para que eu soñe”. A fundación que leva o nome do poeta organiza o festival dos Eidos, en homenaxe á emblemática obra que recolle este verso, con xa cinco edicións. É unha celebración da poesía, da natureza e das artes en xeral que vai medrando e espallando a súa actividade ao longo de todo o ano.

Comentarios