O Secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, defende no Congreso a retirada da LOMCE

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, reclamou a retirada da LOMCE na súa intervención na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados por ser “letal para o ensino público galego”. 

Anxo Louza na Comisión de Educación do Congreso
photo_camera Anxo Louza na Comisión de Educación do Congreso

Anxo Louzao expuxo na Comisión de Educación do Congreso, na que compareceu por convite do BNG, as razóns polas que tanto a CIG-Ensino como a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeitan a totalidade dun proxecto que denunciou como centralista, antisocial e promotor das desigualdades e a segregación nas aulas. 

Defendeu Louzao que detrás do proxecto educativo atópase  como obxectivo central a promoción da ideoloxía neoliberal que conduce a unha maior privatización e mercantilización da Educación. Ao seu ver, a lei “centraliza e uniformiza o sistema educativo, rexeitando a conformación plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado español” reforzando tamén a confesionalidade do ensino. 

“Cuestiona o dereito universal á educación, descarta a igualdade de oportunidades, fortalece o papel españolizador, destrúe a diversidade cultural e nega o dereito a ter un ensino científico e laico” sinalou Louzao na súa intervención arredor dunha lei que “invade competencias educativas de Galiza” entre outras cousas, á hora de asumir as atribucións para fixar os currículos de materias troncais. 

Na quenda de preguntas, Louzao respondeu a  máis de corenta intervención, entre elas as cuestións do BNG e CIU sobre a presenza do galego no ensino ao que o máximo responsábel da CIG-Ensino denunciou en especial a situación en Educación Infantil, onde o ensino en galego non acada o 5% nos centros das cidades, segundo sinalou. Criticou tamén o decreto polo que o PP prohibiu impartir materias como matemáticas, física e química ou tecnoloxía en galego cando si se poden dar en inglés, anulado polo TSXG, como explicou á deputada do PP. Segundo Louzao, a lei educativa pretendería dar “carta de legalidade ao que foi declarado ilegal polos tribunais”, en referencia tanto á regulamentación do idioma como á segregación por sexos do alumnado. 

Comentarios