É a mesma posición que defende o PP

O PSdeG contempla a transferencia da AP9, mais non o seu rescate para o sector público

O veto do PP en tempos do Goberno Raxoi abocou as forzas con representación no Pazo do Hórreo a renunciar á hipótese do rescate da infraestrutura, con vistas a que a formación conservadora acabase aceptando o debate da iniciativa no Congreso. Nen así funcionou. Agora o PSOE levanta o veto, mais non contemplaría en principio o escenario da xestión directa por parte do sector público, previa revocación da concesión, en mans do grupo Itínere.

leiceaga parlamento PSdeG
photo_camera Leiceaga, na tribuna parlamentar

A posición do PSdeG-PSOE neste momento sobre a transferencia da AP9 é favorábel ao traspaso, mais non tanto ao rescate da concesión. Por tanto, o partido no goberno do Estado optaría por que o debate no Congreso se faga sobre o texto pactado polas forzas políticas galegas en 2017 e 2018, cando aquelas, para tentar sortear o veto do PP, desistiron sobre o seu propósito inicial de ir á xestión directa da infraestrutura (para o cal habería que indemnizar o actual concesionario).

Formalmente, o PSdeG tampouco se opón de xeito frontal a falar do rescate: o que defende é que o debate a este respeito non se dea na tramitación da proposición de lei no Congreso —en orixe, unha iniciativa do BNG—, senón no seo da Comisión Mixta de Transferencias Xunta-Estado.

En posicións moi similares sitúase o PPdeG, en coherencia coa postura mantida durante os gobernos Raxoi. O argumento economicista —os custos do rescate serían "inasumíbeis" para as arcas públicas— foi invocado tamén esta segunda feira polo portavoz do grupo parlamentar do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.

En Marea e BNG pensan, en troca, que ao ter desaparecido o veto do PP o lóxico seria submeter a debate a proposición de lei para a transferencia da AP9 nos termos en que inicialmente fora aprobada no Pazo do Hórreo, en 2016.

Presión do PP

O curioso do asunto é ver agora o PP a premer sobre o PSOE para acelerar os prazos do debate. Pedro Puy sumouse esta segunda feira a unha petición realizada a pasada semana pola portavoz nacionalista do BNG, Ana Pontón, no sentido de levar a iniciativa xa á Comisión Mixta de Transferencias. Puy restoulle importancia ao contido concreto da proposición de lei —en alusión a se figura ou non o rescate da concesión— porque en todo caso na tramitación no Congreso podería vir a ser alterada vía emendas.

O debate en novembro

Pontón tamén demandou que non se dilatase a tramitación e que esta iniciativa do Parlamento de Galiza —aprobada nos seus termos orixinarios xa á altura de 2016— se puidese materializar no presente período de sesións do Congreso, que conclúe en decembro. Segundo as fontes parlamentares consultadas por Europa Press, o debate en pleno podería acabar tendo lugar en novembro.

Comentarios