O PSdeG exixe á Xunta solucións para o sector leiteiro galego

A secretaria de Medio Rural do PSdeG, exixiu ao goberno galego que "tome medidas" sobre a grave situación que vive o sector leiteiro galego e recrimina á conselleira, Rosa Quintana, por estar "desaparecida.

Ana Doval, secretaria de Medio Rural do PSdeG-PSOE criticou a xestión que a Xunta de Galiza está a facer do sector leiteiro e acusou á conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, de estar "desaparecida" perante a dramática situación en que se atopan boa parte das explotacións do país.

A socialista asegurou esta segunda feira en conferencia de imprensa, que a "falta de compromisos efectivos" por parte do Goberno galego está a levar a 10.000 familias dedicadas ao sector á ruína. Aliás, instou ao executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo, a "negociar" sen máis dilación na procura de solucións para o que dixo "é un dos principais sectores produtivos do país".

Doval: "Os prezos en Galicia non chegan nin sequera á media española de 32 céntimos"

Neste senso, Doval demandou da persoa que asuma a partir de agora a consellaría, a delimitación dunha "folla de ruta" a máis de pór en marcha unha batería de medidas, como mobilizar o Banco de Terras ou exixir prezos xuntos para o produto, pois as explotacións lácteas galegas "non chegan nin á media de 32 céntimos" do Estado español, un prezo situado por debaixo dos custos de produción que soportan @s gandeir@s galeg@s.

Así mesmo, a secretaria de Medio Rural d@s socialistas, asegurou que a situación actual padecida polo sector "xustifica" a folga do leite convocada polos sindicatos agrarios para o vindeiro día 27.

Comentarios