Opinión

#EditorialSermos355: O pazo, de todas e todos

Logo de máis dun ano co informe xurídico elaborado pola Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás na gabeta, era hora de que o Goberno do Estado apresentase unha demanda xudicial para reivindicar a propiedade pública do inmoble. As investigacións recollidas na obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, baseado nos anos de investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez, foi unha peza chave para que o Goberno central movese ficha.

Trátase dun grande avance no que tivo moito a ver a presión social do movemento para a recuperación da memoria e do nacionalismo. A toma simbólica do pazo por parte de militantes do BNG en 2017, como potente mensaxe política, provocou que a xusta reclamación gañase unha maior difusión, mesmo a nivel internacional. Non por acaso o Parlamento de Galiza se pronunciaba por unanimidade a favor de recuperar o inmoble para o pobo.

Tamén é froito das institucións, a comezar pola Deputación da Coruña que, a través da Vicepresidencia, xuntaba persoas expertas para demostrar a compra fraudulenta e simulada sobre a que se artellou a demanda.

A Casa Cornide e as figuras de Isaac e Abraham, do Pórtico da Gloria, son os próximos albos. A presión social debe continuar non só para recuperar o que é lexitimamente das galegas e galegos, senón para denunciar o franquismo posFranco e para dignificar as vítimas da represión.

Comentarios