O noso semanario fai un ano: grazas!

O 8 de xuño cúmprese un ano desde que o primeiro semanario do Sermos Galiza saía da rotativa dereitiño aos estantes dos quiosques. Desde aquela pasaron 50 números e aquí seguimos, coa vosa teimosía. Porén e como sempre dicimos, o noso esforzo precisa do voso


Contan que ao Zeca Afonso seica lle traballaba tanto a cabeza que até facía cancións en ruta. Indo cara a París, cada pouco mandaba parar o carro, collía a guitarra, quentaba a gorxa e entoaba: "o que faz falta é avisar a malta, o que faz falta..." Hoxe, ás portas do primeiro aniversario do semanario Sermos Galiza, quixemos recordar o sentir revolucionario e anticolonial daquelas verbas, pois son un bo reflexo da rebeldía que procuramos ofrecer a través das nosas páxinas.

Hai un ano fixabamos como reto, porque foi un reto, servir de altofalante ás voces que non se ouven nunha oferta xornalística que cultiva as falsas aparencias e constrúe unha realidade da cal sempre falan os mesmos (si, en masculino) e na mesma lingua (o castelán, claro). Hai un ano quixemos facer da nosa lingua unha militancia e devolvela aos quiosques, alomenos unha vez á semana. Hai un ano decidimos tornar nítida a nosa identidade, até daquela borrosa nas páxinas dos xornais. Hai un ano recollemos os folgos que nos enviaron as máis de 900 persoas que se constituíron como accionistas, sabedoras de que o seu non é ese País adormecido que amosan pola televisión, na radio, que retratan na imprensa. 

Con algún acerto e moitos erros, os que nos fan human@s, sacamos do prelo 50 números e chegamos a máis de mil puntos de venda no País. Desde hai unhas semanas e sendo conscientes do esforzo que pedimos, puxemos en marcha a nosa loxa, onde quen o desexe pode facerse co semanario a un prezo máis baixo que o de venda en quiosque. Até finais de xuño quen queira achegar o seu grao de area pode subscribirse cun 20% de desconto. O noso traballo non é dabondo para consolidar un medio de comunicación en galego. Precisamos de vós. Imos lá? 

Comentarios