EUROPA

O nacionalismo escocés gaña as eleccións locais en pleno debate sobre a soberanía

O SNP atinxiu 424 concelleir@s frente 394 de laboristas e 115 de conservadores
Colante pola liberdade da Escocia
photo_camera Colante pola liberdade da Escocia

Nunha fin de semana con múltiplas citas electorais (presidencias en Francia e Grecia, en landers en Alemaña, municipais en Italia...) case pasa desapercibida a importancia das votacións nos comicios locais británicos. O sistema electoral escocés, de representación proporcional mixta, non está feito só para dificultar a formación de maiorías absolutas senón que semella terse elaborado tamén para dificultar calquera interpretación dos resultados en base a afirmacións rotundas de vitoria/derrota. Porén, nos comicios que veñen de se celebrar en Escocia (coincidindo cos realizados en Inglaterra e Gales), o nacionalista SNP atinxiuu un resultado que o seu lider, e ao tempo presidente escocés, Alex Salmond, cualificou como histórico.

 O SNP obtivo 424 concelleir@s frente a 394 alcanzados polo Partido Laborista e 115 dos tories (conservadores). Os liberal-demócratas tan só conseguiron 71 edís. A maiores, os nacionalistas fixéronse por maioría absoluta cos concellos de Dundee (cuarta cidade de Escocia, con case 200.000 habitantes) e Angus (uns 130.000 habitantes). Prazas as dúas que non obstentaban anteriormente.

 Os laboristas, pola contra, obtiveron maioría absoluta en Glasgow, cidade na que o SNP experimentou un importante incremento de votos que, porén, non lle permitiu acadar a Alcaldía, tal e como era a súa aspiración. Tamén Edimburgo foi para os laboristas, se ben os nacionalistas aumentaron a súa representación en seis concelleir@s e son a única organización que atinxiu representación en todos os distritos electorais da cidade.

 “O noso obxectivo nestes comicios era ter máis votos e máis edís que calquera outro partido. E conseguímolo”, sentenciou Alex Salmond unha vez coñecidos os resultados. O presidente escocés tiña en mente nas súas afirmacións que esta cita electoral era a primeira que se celebraba tras o anuncio do seu goberno a comezos de ano de convocar para 2014 un referendo sobre a independencia de Escocia. Os resultados electorais afortalan ao Partido Nacionalista Escocés (SNP), mesmo en zonas onde até o de agora non tiña un peso de importancia. Un dato que os soberanistas non esquecen de cara a ir preparando unha consulta, sobre a independencia, que desde Londres se olla cada vez con máis preocupación, aínda que mantendo o respecto pola mesma e sen anunciar en ningún momento ningunha intención de entorpecela ou prohibila.

Comentarios