O Miño, navegábel

Captura de pantalla (75)
photo_camera Montaxe de Augusto Pacheco para La Región simulando a caída da Ponte Vella

Na semana pasada comentamos nesta sección a idea de Salvador Alonso, membro da sociedade de caza e pesca La Viguesa, de criar esturións no río Miño para deles obter caviar. Foi unha idea sen máis desenvolvemento pois “el caudillo”, a quen lla apresentou, non mostrou maior interese ocupado, como estaba, en acaparar obra do Mestre Mateo.

Algo parecido aconteceu en 1960 coa idea de facer navegábel o mesmo río Miño. Nesa data, o gobernador civil de Ourense, Quiroga de Abarca, fixo público un proxecto, aprobado pola Comisión Provincial de Servizos Técnicos, para converter o Miño en navegábel desde A Guarda a Ourense servíndose dos encoros xestionados por FENOSA e mediante a construción de esclusas similares ás que funcionaban en Panamá e noutros pasos transoceánicos.

Captura de pantalla (76)

Catro anos antes de este proxecto se facer público, o 28 de decembro de 1956, o fotógrafo Augusto Pacheco publicara unha montaxe fotográfica en La Región na que se podía ver un iate a navegar entre a ponte Nova e a Vella, na liña de outra publicada anos antes en que a Ponte Vella aparecía derrubada.

Deixando de parte que, a dicer de Estrabón, o Miño era navegábel uns oito centos estadios, isto é, uns 160 quilométros, até os Peares aproximadamente, non foi o proxecto do señor Quiroga o primeiro (na realidade o proxecto de Quiroga ía máis no camiño de desactivar a resistencia contra a construción do encoro de Castrelo de Miño do que a habilitar unha liña fluvial). Antes, no século XVIII, Pedro Antonio Sánchez, un dos máis preeminentes ilustrados da Galiza, na súa Presentación al inmortal Rey D. Carlos III sobre la navegación del Miño, presenta o proxecto para “hacer navegable el río Miño desde su desembocadura en el mar hasta la Ciudad de Orense, o a lo menos hasta la villa de Ribadavia”

O Rei Carlos morreu. Ourense segue sen ser accesíbel en barco desde o tempo de Estrabón. Os esturións nen sequer soben xa polo Miño. Fican as montaxes de Augusto Pacheco. E o río, claro.

Comentarios