50 anos

O Marzo do 68 galego

Primeiro foi Galiza. Aínda faltaban dous meses para que as universitarias e universitarios franceses tomasen París, cando o estudantado galego saíu ás rúas de Santiago de Compostela, nun dos conflitos  máis destacados e definitorios da década dos sesenta. Foi o Marzo do 68 galego. Eis un extracto da peza publicada no Sermos Galiza 286 ao respeito.

[Imaxe: Arquivos da Fundación Terra e Tempo] Asemblea en Medicina.
photo_camera [Imaxe: Arquivos da Fundación 10 de Marzo] Asemblea en Medicina.

6Non foi o capítulo galego do movemento francés. Mentres o estudantado parisiense poñía en cuestión a infraestrutura do sistema, o modo de produción, pero sobre todo a superestrutura, nunha lectura do conflito social que abriría camiños para o desarme da esquerda, as e os estudantes galegos presentaban unhas reivindicacións máis domésticas, por non dicir corporativas, nunha orientación xeral antifranquista, que se demostraría cos anos máis eficaces para as mudanzas políticas. Ao tempo, a loita levada adiante na Galiza presentaba grandes diferenzas coas que se desenvolvían en Madrid ou Catalunya, for nas reivindicacións formuladas, no ámbito da loita ou na metodoloxía mobilizadora.

Os sucesos que estouparon en marzo de 1968 en Santiago de Compostela son o resultado dun combate que viña dos anos anteriores, acelerado nese mesmo curso polos cambios estruturais sufridos pola universidade galega, pero tamén polo escenario aberto após a elección da delegación estudantil, cunha maioría claramente democrática. A negativa do decano de Ciencias a recoñecer a nova representación e o seu rexeitamento a entregar os fondos económicos para o funcionamento da asociación de estudantes do centro, algo que acontecía no resto de facultades do distrito, provocou a convocatoria dunha primeira folga xeral nesa facultade o 15 de xaneiro de 1968, estendéndose os días seguintes a Dereito, Medicina e Económicas. A protesta non tardaría en saír á rúa, convocándose unha concentración na Praza do Toural en rexeitamento ao trato dado pola prensa, fundamentalmente o ABC e El Correo Gallego, ás mobilizacións, producíndose a consecuencia das mesmas as primeiras detencións e enfrontamentos coa policía.

[Podes ler a información íntegra no número 286 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios