Imprimir

O lugar da economía

Xesús Veiga | Economista

Xesús Veiga | 23 de febreiro de 2021

No outono do ano 2008, cando comezaba a grave crise do sistema financeiro internacional, o presidente da República francesa, Nicolas Sarkozy, proclamaba a necesidade de refundar o capitalismo “sobre bases éticas, as do esforzo e o traballo”. Hai poucos meses, ao fío da actual crise sanitaria, outro presidente francés, neste caso Macron, afirmou: “o que revela esta pandemia é que hai bens e servizos que deben estar mais alá das leis do mercado”.

Con máis de dez anos de distancia e confrontados a dúas treboadas económicas moi graves aínda que de natureza causal diferente, estes políticos relevantes da dereita dun país que viviu significativos procesos revolucionarios na súa historia recoñeceron que o sistema económico dominante padece unha fatiga dos materiais básicos definidores da súa identidade. Rodrigo Rato dixo aquilo de “é o mercado, amigo” para vulgarizar un dos principios sustentadores do edificio capitalista: a asignación dos recursos dispoñíbeis mediante as regras do mercado (ademais da sempre invocada propiedade privada dos principais medios de produción).

Resulta paradoxal que, no universo da política, sexan persoeiros como Sarkozy ou Macron os que promovan interrogantes máis fondas que aquelas que se conteñen habitualmente nos informes sobre a conxuntura económica formulados por gobernos e organismos especializados. Dende hai tempo, as esquerdas que abandeiran horizontes de transformación social están atrapadas na xestión gobernamental diaria ou ben navegan por territorios programáticos debedores de códigos tradicionais que posúen importantes déficits de credibilidade.

O forte impacto provocado pola pandemia do coronavirus colocou no centro do debate público o presunto dilema entre defensa da saúde e reactivación da economía. Unha e outra aparecen -en moitas das análises que se explicitan nos últimos meses- como obxectivos incompatíbeis ou excluíntes. Tal conclusión deriva dunha focaxe discursiva que afasta o universo da economía do mundo social e do mundo físico. Xustamente, o contrario da noción primixenia, da acepción aristotélica da economía como “boa administración ou administración prudente da casa” e, xa que logo, abranguedora da pluralidade de aspectos presentes nesa administración: os bens, as relacións entre as persoas, os recursos naturais, a saúde, a cultura, os coidados... Seguindo esta lóxica, o mundo económico e o seu funcionamento non poden nin deben entenderse á marxe dos procesos sociais e do mundo físico. A organización da produción e distribución de bens e servizos debería acometerse en condicións de equidade social, sustentabilidade e respecto aos dereitos humanos para que a casa común na que habitamos poida ser prudentemente administrada.

Nos vindeiros tempos, as esquerdas van ter que enfrontar un desafío de grande envergadura: seren capaces de erguer anticorpos sociais que neutralicen as lóxicas darwinistas inseridas no núcleo duro dese capitalismo que Sarkozy quería humanizar hai máis dunha década. A tarefa vai ser complicada porque como advertía Naomi Klein -na súa obra A doutrina do shock- os poderes económicos entenden as grandes catástrofes como oportunidades para mellorar a súa posición de dominio no actual modelo de globalización. Que os máximos directivos de Alcoa ou de Nissan escolleran o momento no que estaba vixente o estado de alarma para executar decisións previamente elaboradas nin é froito do azar nin resulta, certamente, inocente. Que as grandes multinacionais farmacéuticas exhiban obscenamente a súa prioridade pola maximización de beneficios aproveitando as necesidades urxentes derivadas dunha pandemia até agora descoñecida revela a envergadura do reto para quen desexe mudar as regras do xogo vixentes.

As palabras de Macron revelan que as esquerdas europeas dispoñen dunha importante fortaleza argumental para promover políticas favorábeis ao benestar das maiorías sociais: a lóxica mercantilizadora que entroniza o beneficio privado non pode marcar a folla de ruta dos investimentos e gastos que deberán ser acometidos nos vindeiros meses.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xesus-veiga/o-lugar-da-economia/20210222192555116339.html


© 2021 Nós Diario