O Goberno español avanza cara ao recurso de inconstitucionalidade contra a Declaración de soberanía catalá

A vice-presidenta anunciou que a Avogacía do Estado "ve argumentos" para presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a declaración aprobada polo Parlament o pasado 23 de xaneiro.

Malia a que a vicepresidenta non quixo adiantar acontecementos e asegurou estar recadando información ao respecto na procura de determinar se a decisión adoptada é ou non recorríbel, o certo é que o executivo español non está a dar senón todos os pasos na procura de invalidar a Declaración de Soberanía aprobada polo Parlament de Catalunya.

Neste senso, após o informe achegado pola avogacía do Estado, Saéz de Santamaría asegurou que as apreciacións deste organismo supoñen "un punto determinante" na decisión que finalmente adopte o Goberno de Mariano Rajoy. Neste senso, a vicepresidenta e portavoz solicitará ao Consello de Estado un "informe preceptido" aínda que xa avanzou que o contido da declaración vulnera "distintos artigos da Constitución" e, desde esa perspectiva, podería ser impugnábel a través dun recurso presentado perante o TC.

A vicepresidenta apela ao carácter 'indivisíbel' da 'soberanía do pobo español'

Segundo Soraya Saénz, o acordo adoptado polo Parlament o pasado 23 de xaneiro posúe "efectos xurídicos" ao constituír non só "un proceso de decisión en si propio" --aclarou a popular-- senón que "supón a apertura dun proceso máis amplo" que tería por obxecto a declaración de independencia catalá. Neste senso, o executivo español insiste en que a Constitución española recolle como único suxeito soberano o "pobo español" e, engadiu, "é un concepto que non admite divisións". A vicepresidenta salientou, asemade, que de se interpor o recurso a resolución adoptada ficaría de facto suspendida --cando menos até se emitir sentenza ao respecto.

Máis en Països Catalans
Comentarios