O FROB fai oficial o espolio a Galiza

Confirma que Novagalicia Banco será 100% estatal: Novacaixagalicia perderá a súa participación na entidade e @s afectad@s na estafa das preferentes serán accionistas á forza da nova entidade. A quita farase efectiva no primeiro trimestre de 2013


O FROB vén de confirmar que Novagalicia Banco será 100% estatal, polo que Novacaixagalicia perderá a súa participación na entidade. Así o sinalou a comisión reitora deste órgano nun comunicado de imprensa en que se recolle tamén que a quita das preferentes e subordinadas se executará no primeiro trimestre de 2013.

Así as cousas, informou o FROB que selou xa os acordos para finalizar a recapitalización dos catro bancos rescatados con diñeiro público --Bankia, Catalunya Banc e Banco de Valencia, para alén de NGB--, de tal xeito que "nos vindeiros días" recibirán un total de 36.968 millóns de euros, dos cales 5.425 corresponden á entidade galega. Será mediante unha operación denominada 'acordeón', de ampliación e redución de capital.

Ao redor de NGB, lembrou este organismo que estabeleceu o seu valor económico en -3.091 millóns, polo que cómpre absorber primeiro "os importantes resultados negativos". Após esta operación, @s estafad@s na comercialización de participacións preferentes tornaránse accionistas á forza da nova entidade, ao tornar o FROB as devanditas participacións en accións ordinarias que non cotizarán en bolsa. O importe será de 1.162 millóns, a mesma cantidade achegada polo fondo de rescate estatal en forma de préstamo no momento de se fusionaren as dúas caixas galegas.

Comentarios