Opinión

O eu

Hai tempo recollín unha frase do premio Nobel Gao Xingjian, na súa obra Lingsen, esa que di: “Eu non sei se tes reflexionado verbo desa cousa estraña que é o eu. Muda cando se observa, como cando fixas a ollada nas nubes do ceo, deitado na herba”. Nestes meses de confinamento e restricións á mobilidade, de moitas reflexións e auto análises, dinlle moitas voltas á concepción do eu. Semella que evoluciona do mesmo xeito que evolucionan os valores individuais e colectivos, que mudan os parámetros vectoriais (dirección e sentido) e os escalares (aqueles que se poden medir), que contribúen á definición do modelo social e económico onde moramos (dalgún xeito, o noso ecosistema).

Son maos tempos para os que se afasten da norma, que non se identifiquen coa lóxica e coa praxe da sociedade e do sistema económico. Son maos tempos para a disidencia, para a revolta, para a vindicación e, nunha análise superficial, semella aínda que son peores que hai unha década, na cultura e na integración real de varios colectivos.

Hai un retroceso. Non hai máis que ver como avanza o populismo que manipula vontades, como se instaura un terror irracional cara os diferentes, como ao illamento tradicional –a culpa herdada dos sistemas relixiosos– se suma agora o illamento nas redes sociais, o rexeitamento dos comportamentos que non reproducen o ideal de familia burguesa: pai, nai, dous fillos, de preferencia un de cada sexo, un can, unha segunda residencia e un automóbil, híbrido enténdase, para cada un dos membros adultos. Abonda dicir que se os psicofármacos son uns dos remedios máis demandados, iso é síntoma de que os ‘eus’ da poboación precisan de axuda, de reequilibrios químicos e soporte emocional.

Este feito en si propio debería levar a unha análise polo miúdo das causas deste desequilibrio colectivo. Estamos á espera de que os representantes elixidos no Parlamento Galego fagan esa análise prospectiva dos cambios necesarios para sandar este desequilibrio dos ‘eus’. 

Comentarios