Voces da literatura galega avalían o seu legado

Xabier P. Docampo, o escritor amigo

Un manto de loito estendeuse onte sobre os mundos da literatura galega. Porque a figura de Xabier Puente Docampo transcende a do pioneiro na modernización da literatura infantil e xuvenil, a do autor premiado, a do alquimista que cruzou Stevenson con Fole, Cunqueiro con Rodari. A súa dimensión humana é axiña salientada por colegas e amigas, por lectores distantes e achegados. Morreu esta terza feira aos 72 anos.  
 

xabir p docampo - eduardo castro bal
photo_camera Xabier P. DoCampo en 2014. Foto: Eduardo Castro Bal.

“A que eu prefiro entre as obras de Xabier é o arrolo que lle escribiu á miña filla cando naceu”, opina emocionada Rosa Aneiros (Meirás, 1976), “detrás desa voz ás veces un pouco brusca coa que amosaba a firmeza das súas conviccións, estaba unha persoa moi sensíbel, moi tenra”. A que ademais lle abriu, lembra, as portas da lectura a través do Misterio das badaladas (Vía Láctea, 1986) e Cun ollo aberto e outro sen cerrar (Vía Láctea, 1986).

xabier p docampo - eduardo castro bal 2

“Tiña eu once anos. E, de súpeto, descubrín que había aquelas historias de cuadrillas de cativos en galego. Por suposto, non era consciente do seu carácter pioneiro”, engade. Así naceu como lectora, e polo tanto como escritora, Aneiros. “Até ser adulta e amiga de Xabier”. E percorrer unha extensa obra -a Galipedia conta 33 libros de narrativa entre 1986 e 2017- da que salienta “unha xoia, O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008)”.

“Excelencia literaria” e “superación título após título” son as consideración que expresa, de entrada, o crítico Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) a respecto dunha escrita, a de Xabier P. Docampo, “da que non se pode dicir que parise un libro menor”. A súa narrativa, de gran precisión estrutural e querenza por xéneros como a aventura ou o terror fantástico, foi pioneira no vizoso eido da literatura infantil e xuvenil. Aínda que, a dicir de Requeixo, xogaba a difuminar esa fronteira entre idades.

Se cadra porque, para o autor de Cando petan na porta pola noite (Xerais, 1994), non había lectores infantís. Desde logo, non os había infantilizados. “Trataba a mocidade como seres pensantes, con respecto, como persoas intelixentes”, expón María Reimóndez (Lugo, 1975). Escritora tamén dirixida a audiencias non adultas, DoCampo foi fundamental na súa educación sentimental. E profesional.

xabier p docampo - distrito xermar

“Foi o primeiro e único escritor que coñecín na miña infancia. Antes eran só entes mitolóxicos ou xente morta”, relata, “el viñera visitar o cole en Villalba, onde léramos O misterio das badaladas. Eu daquela xa quería ser escritora e fíxome entender que é importante visitar os nenos e as nenas fóra das cidades”. Eis a vocación activista, tan consubstancial a este militante da renovación pedagóxica -a través de Nova Escola Galega ou en colaboración con Preescolar na casa-, da defensa da lingua galega e da emancipación nacional. “Entregouse á causa da lingua e a literatura deste país”, di Requeixo. Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956), amigo íntimo de Docampo, é máis concreto e explica os seus desvelos políticos recentes.

“Hai agora tres anos iniciamos a aventura de conseguir un 25 de xullo de unidade”, sinala, “un espazo nacional, un alento compartido. Despois intentamos o da candidatura nacional galega. O seu galeguismo era absoluto. Pero aquilo resultou moi duro para nós. Creo que foi cando enfermou”. Aquela angueira política levounos a falar todos os días. “Até o punto de que me dicía 'se non me chamas, non durmo”.

Os dous amigos coñecéranse moito antes. De Toro chegara mesmo a pedir permiso ao seu maior -dez anos máis, exactamente- para titular unha novela: 13 badaladas (Xerais, 2002). “Polo Misterio das badaladas, claro. Ademais, tamén usaba o motivo tópico das 13”, di, coa voz case en creba, antes de describir o home “como un neno que se agochaba tras a máscara da barba. Unha persoa sincera e auténtica. Un escritor namorado do seu oficio”.

O rastro dun autor así dificilmente se extingue. A súa obra permanece, máis alá das oscilacións provisionais dos cánones. E permanece tamén a pegada en lectores e lectoras que, ás veces, mesmo metamorfosaron en autores. “Non creo que haxa ninguén que tente seguir a Xabier”, expón Armando Requeixo, “porque sería infrutuoso e mesmo un pouco suicida. Pero si penso que as novas promocións o leron moi ben. Hai aires de familia, e non só polo seu traballo, tamén como interlocutor coa gran literatura universal”.

As redes sociais, ao xeito de novo libro de condolencias, enchéronse de pésames, lembranzas, anécdotas. Alcaldes, deputacións, asociacións gremiais amosaron pesar. Mais houbo sonoras ausencias. Denunciouno a media tarde, vía twitter, o escritor Marcos Calveiro (Vigo, 1968): “Ata Abanca lembrou Xabier. A Xunta e Feixóo non. O noso irmao estaría feliz”.

Nota: a foto de enriba é de Eduardo Castro bal. A de embaixo, de Distrito Xermar.

Comentarios