Opinión

O efecto sede de Inditex

Na historia e no presente na Galicia do Grupo Inditex coexisten as luces coas tebras. Relatos de elusión fiscal (aplicando a legalidade vixente, non evadindo impostos) ou inviabilización empresarial de moitos dos  primeiros proveedores. É moi probábel que o suceso de Inditex conlevara como custo o afundimento de moitas textís galegas con outros modelos de negocio. Co efecto engadido de moitas traxedias persoais e de que hoxe sexa moi complexo atopar deseñadores para as poucas textís galegas sobrevivintes. De certo que toda ésta é unha historia que habería ser xeralmente contada e coñecida.

Mais dende hai doce ou catorce anos Inditex mudou e quere contar coas solucións, produtos e aplicacións tecnolóxicas que demanda o progreso do Grupo. Primeiro foi no ámbito da loxística. Hoxe como ferramentas para a expansión da venda “on line”, que xa supón máis do 40% das vendas de Zara e do 12% do Grupo no seu conxunto. Velaí que Inditex desenvolva un proceso de contratación de tecnólogos superiores (nomeadamente un núcleo duro de xefes de proxecto) e promova un abano de subcontratistas quer de concretos produtos ou aplicacións quer de servizos máis xerais. Falamos de milleiros de empregos nos vindeiros anos, a meirande parte con tendencia a se establecer en Galicia por mor do efecto-sede.

Mais dende hai doce ou catorce anos Inditex mudou e quere contar coas solucións, produtos e aplicacións tecnolóxicas que demanda o progreso do Grupo

 

Cómpre, pois , que os nosos políticos, os nosos xestores universitarios e os nosos axentes sociais potencien este efecto-sede, percurando fornecer esta demanda de titulados dende as nosas Escolas de Informática n’A Coruña e Ourense, Enxeñeiros de Telecomunicación en Vigo e Físicas e Matemáticas de Compostela. Promovendo politicas de captación cara ao retorno do noso talento emigrado, como fai o Colexio galego de Enxeñeiros de Telecomunicación. Ou dotando por parte da Xunta dunha unidade de contidos aos ciclos formativos da FP galega no eido da programación, hoxe ausente.

Alén das pasadas sombras da relación de Inditex coa sociedade galega, hoxendía temos a oportunidade do efecto-sede para potenciar Galicia co emprego da mellor calidade no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicación. Cómpre sermos proactivos e aproveitar o vento á popa mentres siga a soprar.

                  

Comentarios