O director de Vilaweb apoia a colaboración entre medios galegos e cataláns

Manuel Mera, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza, e Vicent Partal, director de Vilaweb, participaron na presentación organizada pola Asemblea Cultural Galega de Barcelona unha hora antes da Marcha pola Independencia.
Vicent Partal, Manuel Mera e Xosé María Sancho
photo_camera Vicent Partal, Manuel Mera e Xosé María Sancho

Dentro das actividades da Diada de Catalunya na Mostra d’Entitats dels Països Catalans, que este ano chegaba a súa 11ª edición na cidade de Barcelona, tivo lugar a presentación do semanario e xornal dixital Sermos Galiza. Foi na Carpa dedicada ás Letras unha hora antes do comezo da Marcha pola Independencia e participaron Manuel Mera, en representación de Sermos Galiza como membro do seu Concello de Administración, e pola parte dos medios de comunicación en catalán Vicent Partal, director do xornal dixital Vilaweb.

A entidade organizadora da presentación, a Asemblea Cultural Galega de Barcelona, é de recente creación e xurdiu hai uns meses con vocación de traballar desde unha perspectiva de esquerdas, apartidista, con sensibilidade pola realidade social galega e catalá, e coa difusión da cultura galega e o concepto de Galiza coma entidade nacional.

Comezou o acto coa intervención de Vicent Partal, un dos convidados a participar na cabeceira da manifestación unitaria desa mesma tarde. Na súa exposición formulou a necesidade “duns medios de comunicación dixitais rápidos, cunha vontade clara de compromiso coa realidade social do país e que permitan a acceder a información máis actual coa máxima facilidade e actualidade”. Tamén afirmou a súa “vontade de manter, coma sempre se fixo dende os medios cataláns, unha colaboración aberta, constante e permanente cos medios galegos, e máis concretamente con Sermos Galiza, xa que comparten as mesmas preocupacións.


Despois da intervención do director de Vilaweb, Manuel Mera procedeu a presentar o proxecto de Sermos Galiza ao auditorio. Falou do proxecto compartido cun accionariado composto por máis de 1.000 accionistas que “coa súa achega en tempo tempo de crise respondeu sobradamente as expectativas dos xestores do proxecto”. Segundo Mera o xornal “parte cun claro soporte social” e a razón esta na “importancia que ten para o mesmo contar co apoio inicial dun colectivo que aposte por unha información directa, dunha realidade que non é informada por descoñecemento ou omisión”. Mera explicou tamén, a necesidade de “chegar a unha cota de subscrición óptima para permitir manter o xornal sen necesidade de captar máis achegas e normalizar a situación no tempo sinalado”. Tamén tivo palabras para a redacción e salientou que é “tan nova coma ilusionada e traballa a marchas forzadas para acadar o máximo rendemento no menor tempo posíbel”. Tamén afirmou que o proxecto “é aberto, plural e medra e transformase coma a realidade na que se atopa” para rematar cun convite ás persoas asistentes a participar del.

Pechouse o acto convidando aos presentes a participar de Sermos Galiza, deixando a porta aberta á colaboración constante.Rematada a súa presentación pasouse a quenda de preguntas. O auditorio transmitiu as mesmas necesidades de presenza duns medios de comunicación accesíbeis e participativos en galego e deron constancia do baleiro deixado na emigración por outros xornais, algúns históricos, que remataron cunhas andainas nalgúns casos de décadas.

Imaxes: ACGB

Máis en Letras e Ideas
Comentarios