Opinión

O diñeiro que nos pertence

O  proxecto de Orzamentos estatais para o 2019 diminúe nun 19% os xa cativos números de Rajoy para o 2018, causando unánime rexeitamento. Ana Pontón (BNG) e Luís Villares (En Marea) coincidiron na avaliación, visibilizándose, no caso mareante, unha liña política independente fronte Unidos Podemos, coautor canda o PSOE da proposta orzamentaria.

Porén, cómpre lembrar que os números reais da execución orzamentaria adoitan reducir substancialmente o impacto dos cartos consignados nos últimos quince anos. Velaí que no 2008, cando Zapatero precisaba dos votos do BNG, Anxo Quintana (que negociando lle dá varias voltas a Núñez Feijóo) obtivera o compromiso dunha equipa conxunta de seguimento da execución orzamentaria estatal no seo da Comisión Bilateral de Cooperación. O dependentismo presidencial non soubo darlle continuidade a este fulcral acordo.

O debate orzamentario xerou tamén o debate do modelo de investimentos que precisa Galicia. Alexandra Fernández, deputada estatal de En Marea, vén de escribir que nin o PP nin o PSOE teñen un modelo para cando se remate a alta velocidade ferroviaria, aló polo 2020. Unha alta velocidade ferroviaria que terá efectos positivos limitados (só trasladará pasaxeiros) na Galicia e moito máis aprezábeis en Madrid, a beneficiaria pola radialidade do AVE, tan criticada polo Tribunal de Contas europeo.

Cando Zapatero precisaba dos votos do BNG, Anxo Quintana obtivera o compromiso dunha equipa conxunta de seguimento da execución orzamentaria estatal

 

É, pois, tempo de plantexar as necesidades de vertebración económica do País, salientando: i) a integración portuaria co transporte ferroviario de mercadorías no contexto do corredor ferroviario europeo, do que o PP a piques estivo de botarnos fóra. O que actualiza a necesidade da transferencia dos portos de interese xeral a Galicia, como vén de defender o secretario xeral de CXG, Juan Carlos Piñeiro, e defendía Xosé Cuíña hai vinte anos; ii) Mobilidade ferroviaria: liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Ferrol-Ribadeo e Ourense-Lugo e transferencia con financiamento abondo dos trens de proximidade e media distancia; iii) Mobilidade por estrada: transferencia da AP9 no horizonte da redución de peaxes e o estudo do resgate da concesión e autovía Lugo-Ourense.  

Mais os investimentos son máis efectivos se os xestiona o autogoberno. A transferencia dos portos e aeroportos de interese xeral, das AP9 e AP53 e do mantemento das estradas de interese xeral (que xa teñen en Euskadi e Nafarroa) constitúen achegas importantes para vertebrar o noso País e garantir a nosa viabilización económica.

Comentarios