Opinión

O Dépor espreme o crono

Nunca foi tan sinxelo gañar un partido en Riazor como o que se lle puxo por diante ao Dépor co Sporting de Xixón. Iso si, non exento de algún que outro capítulo para remoer entre os dentes.

As estatísticas deixaron claro que os asturianos estiveron, como a súa afección, ausentes. Dimitiron de case todo, salvo de tratar de apañar un punto sen facer nada. Unha forma de xogar botando unha moeda ó aire. Ás veces sae ben, e outras non. O Sporting saíulle caro renunciar a todo e esperar a ver se soaba a frauta.  

O Dépor na primeira metade do partido tampouco puxo moito máis empeño en desfacer o tanteo inicial. Presentouse, no seu primeiro partido ante os seus, coa lei do mínimo esforzo. Os primeiros corenta e cinco minutos foron decepcionantes. Non foi estraño ver algún que outro bocexo nas bancadas. Puido cambiar algo o tedio se o colombiano Didier Moreno fose quen de anotar un penalti, pero Mariño deixou a boca aberta dos deportivistas, claro que foi cun palmo de lamentos. Lanzou frouxo e telegrafiado. Ao meta vigués non lle foi complicado manter o empate. Non é unha ocasión para deixar pasar por alto porque nun partido onde non pasa nada, un penalti pode ser decisivo. Cando a táctica de xogo é sacar o máximo beneficio posible facendo o menor esforzo un penalti non é para andar estragando.

As estatísticas deixaron claro que os asturianos estiveron, como a súa afección, ausentes. Dimitiron de case todo, salvo de tratar de apañar un punto sen facer nada  

 

Algo cambiou na caseta durante o descanso porque o Dépor de Natxo González planexou un segundo tempo moito máis movido e traballado. Non foi brillante, pero si máis agradecido cara ao espectador. Como o Sporting seguiu a xogar a nada, inexplicablemente trémulo, os branco e azuis convertíronse en terratenentes. Donos e señores das tres cuartas partes de campo . Así, polo menos as ocasións caeron só dun lado e tiveron protagonismo herculino. 

Malia que os números sinalan que o equipo coruñés acosou a porta xixonesa, o certo é que a falta de pólvora suficiente foi unha constante inquietante durante os noventa minutos. Falta de acerto. Falta de definición. É certo que Natxo González tivo que esperar durante toda a semana á recuperación de parte dos seus homes de ataque, porque estaban na enfermaría por lesión. Por sorte para o técnico, polo menos Fede Cartabia e Carles Gil puideron estar a tempo para iniciar o partido desde o banco da suplencia. Cando recorreu a eles, o xogo medrou en produtividade e perigosidade. Pero o Dépor ten que insistir moito para converter as ocasións en gol. 

Cando Natxo González botou man de Cartabia e Gil, o xogo medrou en produtividade e perigosidade. Pero o Dépor ten que insistir moito para converter as ocasións en gol. 

 

Tanto tivo que insistir e insistir que a vitoria se fraguou no límite do tempo de xogo. O gol non chegou ata o minuto 93 e marcouno un defensa, aproveitando un saque de esquina, a última xogada do partido. Sobre a bucina, como se gañan moitos partidos en segunda división, Pablo Marí deulle o primeiro triunfo na casa ao seu equipo.

O gol devolveu a ledicia á bancada que levaba meses sen ver gañar ó ser equipo en Riazor. O arranque da competición está a ter froitos en canto a resultados, espremendo o tempo co máximo beneficio posible. Aínda que por agora hai máis casca ca polpa. O equipo ten que facer demasiados esforzos para obter un gol. Ademais, o proxecto de Natxo González segue en construcción. No centro do campo e no ataque faltan moitos máis minutos para que o cadro colla pouso e demostre que se entende e que asume a idea futbolística do técnico vasco. Unha idea que semella que vai encamiñada a eficacia sen que importe a forma de conseguilo. Estéticamente, o proxecto non enamora. O resultado, mentres sexa gañar e sumar, reconforta se o obxectivo do ascenso non se lle escapa das mans. O verdadeiro reto desta temporada.

Comentarios