Rosana Pérez defenderá esta iniciativa de lei que pide a modificación das vixentes bases en materia de réxime local, como un paso previo para acometer a definitiva supresión das deputacións provinciais
A deputada nacionalista defende que “estamos ante uns organismos ineficaces e que duplican a administración”. O BNG procura con esta iniciativa de modificación legal que sexan as autonomías as que artellen e asuman as competencias das deputacións provinciais, “a fin de posibilitar maiores niveis de eficacia na acción administrativa, ademais dunha utilización máis racional dos recursos públicos, sobre todo nestes tempos de crise cunha merma moi importante do financiamento nos concellos e nas autonomías”.
Así pois, o BNG avoga por comezar co desmantelamento das deputacións provincias, de xeito que as CC.AA asuman as súas funcións até permitir acometer nun futuro a definitiva reforma constitucional para superar o modelo institucional provincial.
Rosana Pérez explicará que “a nosa iniciativa é un paso intermedio que posibilitará o traslado da maioría das funcións e servizos das corporacións provinciais a outras administracións, locais ou autonómicas”.