Libro de cartas da escritora

O correo poético de Lupe Gómez

A poeta Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) escribe cartas. E ademais envíaas por correo postal. Os seus correspondentes, diversos, son a miúdo tamén escritoras e escritores. Fosforescencias titúlase o volume que recolle un bo monllo delas, todas de 2012, e que a finais de ano publicará Alvarellos.
A escritora Lupe Gómez na libraría Chan da Pólvora.
photo_camera A poeta Lupe Gómez nunha imaxe recente. Foto: Chan da Pólvora.

“É un libro de cartas, de cartas íntimas, literarias, en prosa poética, e reais”, sinala o director da editorial, Quique Alvarellos, “pois foron realmente enviadas aos destinatarios pola autora, que recolle tamén algunhas cartas de volta”. Entre eles, Manuel Rivas, Neira Vilas, Emma Pedereira, o músico Xabier Díaz, o dramaturgo e editor Francisco Pillado, Yolanda Castaño ou Emilio Araúxo.

Gómez, unha das autoras máis influentes da poesía galega recente, quixo agardar sete anos para dar luz a esta correspondencia. Que agora ilustra Anxo Pastor dentro da colección Libros do Sarela de Alvarellos. “Nas cartas recoñézome máis viva e sincera que nos libros que publico e escribo”, chegou a afirmar.

Traducións ao castelán
Fosforescencias non é a única novidade editorial de Lupe Gómez. O primeiro e o último dos seus libros de poemas aparecerán traducidos ao castelán en prestixiosos selos do xénero e con recoñecidas tradutoras.

Pornografía, autoeditado en 1995 e reeditado por Positivas en 2012, foi o debut de Gómez e un título de culto. Violento e cru, directo, salvaxe, só aparentemente sinxelo, verá a luz na versión castelá da tamén poeta Luz Pichel (Alén, Lalín, 1947), coa que a autora comparte certas coordenadas literarias.

Camuflaxe supuxo en 2017 o regreso de Lupe Gómez ás librarías despois de case sete anos. Publicado por Chan da Pólvora, recoñecido co premio da Crítica de poesía galega, saíu en inglés da man de Circumference Books e a poeta Erín Moure. A tradución ao castelán corre a cargo do escritor Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), tamén director do Chan da Pólvora. Publicaraa Papeles Mínimas.

Comentarios