Política

O Congreso valida que non se poida despedir por baixas médicas xustificadas

Unha maioría do pleno do Congreso das Deputadas apoia a convalidación do decreto lei que derroga o despedimento obxectivo por acumulación de baixas médicas xustificadas.
O Congreso na sesión de onte, nunha imaxe insólita ante a escasa presenza de membros pola situación de emerxencia sanitaria (Imaxe: Pool)
photo_camera O Congreso nunha imaxe insólita ante a escasa presenza de membros pola situación de emerxencia sanitaria (Imaxe: Pool)

A maioría dos grupos, entre eles PSOE, Unidas Podemos, BNG, Esquerra Republicana e Ciudadanos, apoiaron esta cuarta feira no Pleno do Congreso a convalidación do decreto lei que derroga o despedimento obxectivo por acumulación de baixas médicas xustificadas.

Ademais de apoiar a derrogación do citado artigo do Estatuto dos Traballadores, varios grupos de esquerda da oposición parlamentar reclamaron ao Goberno que leve máis lonxe esta acción e derrogue a reforma laboral aprobada polo PP en 2012.

"Nin nunha situación de pandemia derrogárona... Cantas vidas valen os multimillonarios beneficios das empresas que se negan a pechar?", preguntouse Mireia Vehí, que afeou á ministra de Traballo Yolanda Díaz que inste a "primeiro curarse, e logo traballar", cando nunha situación de pandemia permiten que as obras de construción, entre outras actividades, sigan funcionando.

Tamén o deputado do BNG, Néstor Rego, e o de ERC, Gabriel  Rufián, reclamaron esta derrogación, botando en falta "máis valentía" do Goberno para facer cumprir "algo co que se comprometeron en tantos discursos", dixo o deputado independentista, que pediu unha derrogación "directa" e "total", tendo en conta "a crise económica, filla da crise sanitaria" que está por chegar.

O deputado galego incide na defensa da  necesidade de "derrogar as reformas laborais, todas e na súa totalidade", para así "recupar os dereitos que foron roubados á clase traballadora galega e avanzar para outros novos".

Aliás, afirmou que manter o marco laboral propiciado por esas reformas supón, nun contexto de crise industrial, "como o galego", "que sigamos convivindo coa precaridade laboral".

Durante o debate nun hemiciclo practicamente baleiro, con apenas unhas corenta deputadas polas medidas de prevención dos grupos pola expansión do coronavirus, unicamente Vox manifestouse contra a derrogación, chegando a recorrer a súa deputada María dos Reyes Romero, que tachou de "experimento" esta medida, á quenda en contra do Goberno.

Un argumento contraposto polo socialista Omar Anguita, que lembrou que "se a escusa" para opoñerse ao decreto lei é o absentismo, esta causa xa se contempla para proceder a un despedimento disciplinario.

Pola súa banda, o deputado popular Diego Movellán criticou que, ao aprobar o decreto, celebráse como unha derrogación parcial da reforma laboral, cando o decreto era moito máis anterior, aínda que asegurou que o PP non se opoñerá á convalidación.

Isidro Martínez Oblanca, de Foro Asturias, cuestionou o alcance da medida, xa que as traballadoras poden seguir sendo despedidos por esta razón, só que non de forma obxectivo, limitándose por tanto o cambio a que no canto de ser unha indemnización de 20 días por ano traballado, será de 33 días.

Comentarios