Opinión

O cerebro estoupado

É moi difícil subtraerse a todo canto ocorreu os pasados días en Catalunya, ou sexa, un covarde atentado terrorista e unha resposta social que vai dende a compresión e a tolerancia dos “pos e os lodos” subxacentes até o fascismo máis estúpido e rastreiro (pleonasmos). Se estas desgrazas serven para algo (utilidade infortunada) é para poñer en evidencia o podre que descansa baixo os icebergs, para saíren ás ratas das cloacas. Ocorre con cada feito tráxico, como a terrible historia de Juana Rivas, o pai maltratador recibido con alfombra vermella por certos medios e que xa conta con clubs de fans, uns nenos desamparados, ignorados por unha xustiza teimuda en non tolerar a insubmisión das mulleres nin fixar no inconsciente colectivo un precedente tan perigoso e unha sociedade dividida entre quen apoia a lóxica e quen prefire converter á vítima en culpable do seu propio sufrimento. 

Dá medo ver o facilmente manexable que é o pensamento. Os mass media, programas lixo de produción e factura nada inocente consumidos por enormes masas cada vez menos críticas, que favorecen a alienación paulatina de grandes sectores da sociedade, de todas as sociedades. Hai tempo que o sistema capitalista e todas as súas variantes desapiadadas descubriron a importancia (e a facilidade) de manexar a opinión pública para que mova o seu polgar cara arriba ou cara abaixo coma no circo romano, segundo se precise. 

Dá medo ver o facilmente manexable que é o pensamento

 

Un traballo constante, progresivo, ordenado, orientado e programado por expertos discípulos de Goebbels (segue a ter vixencia) e, mira por onde, imos citar os seus principios porque non hai como coñecer ao inimigo para combatelo: trátase de individualizar ao adversario nun único inimigo (aínda que ese inimigo mude de etnia, acento e localización xeográfica por esixencias do guión); os adversarios han de constituírse en suma individualizada, hai que cargar sobre o adversario os propios erros ou defectos respondendo o ataque con ataques (se non podes negar as malas novas, crea trolas para distraelas); é necesario converter calquera anécdota, por pequena que sexa, en ameaza grave (a que vos soa?); toda propaganda debe adaptarse para que chegue ao menos intelixente dos individuos aos que vai dirixida (o fascismo parte de que as masas son estúpidas por natureza e reaccionan en bloque: máis grande a masa para convencer, máis pequeno o esforzo mental a realizar. Parten de dar por boa a incapacidade receptiva das masas e a súa gran facultade para o esquecemento); a propaganda ha limitarse a un número pequeno de ideas que se repetirán até o aburrimento (ou a aceptación mansa e absoluta), presentándoas dende distintas perspectivas converxentes nun concepto único (xa sabedes, a famosa e macabra frase da mentira repetida até acadar o status de verdade universal); as respostas do adversario nunca han poder contrarrestar o nivel crecente de acusacións (poñer a funcionar o ventilador sen tregua); construír argumentos a partir de fontes diversas, os chamados globos sonda, informacións fragmentadas, sacadas de contexto (isto está chupado); acalar as cuestións sobre as que non se teñen argumentos e disimular as noticias que favorecen ao adversario (roldas de prensa pactadas, negar a maior, esaxerar a mínima) e contraprogramar coa axuda dos medios de comunicación afíns (vaia!); a propaganda opera sempre a partir dun substrato preexistente, xa sexa unha mitoloxía nacional ou un complexo de odios e prexuízos tradicionais (arar sobre actitudes primitivas, arraigadas, vellas dores e rancores); convencer a moita xente de que pensa "como todo o mundo" creando unha falsa impresión de unanimidade, de pensamento razoablemente compartido (bicho raro quen chegue a razoamentos diferentes). Estes principios fascistas teñen un nome que obviei, non se trata de poñerlles o foco. Só quería lembrar (e lembrarme) o doado que é caermos na arañeira dun sistema que posúe todos os medios ao alcance da súa man e non precisa disparar un só tiro para nos estoupar o cerebro e reducilo a cinzas.

Comentarios