O Celta brilla en Ipurúa

As botas de Pione Sisto encamiñan a contundente vitoria dos celestes sobre o Eibar (0-4), nun encontro vibrante.

celta eibar
photo_camera Imaxe: La Liga

Un 0-4 non é un resultado que abunde nas estatísticas do Celta, por iso a súa consecución é motivo de ledicia e orgullo na armada celeste. Máis aínda cando un marcador tan contundente chega após un arranque de tempada que non era do máis convincente: en cinco partidos, tres derrotas, unha vitoria e un empate. O cero a catro en Ipurúa é o mellor bálsamo contra o desacougo que aniñaba en parte da afección celtista.

O Celta soubo armar o partido contra un Eibar rochoso, con presión, nada disposto a que a súa casa sexa unha visita doada. O marcador final pode transmitir unha imaxe que non foi: que o partido foi un paseo para o Celta. Nada diso. Os celestes xogaron mellor, sabendo aproveitar as súas oportunidades e tirando de estratexia a balón parado, unha opción que esta vez resultou.

O equipo galego marchou ao descanso cunha vantaxe de tres goles, saídos das botas de Pione Sisto. O danés marcou un gol e deu a asistencia nas outras dúas. Sisto e un enorme Tucu como director do xogo son os alicerces nos que se construíu a vitoria celeste. O Eibar non foi rival doado, como amosa que na primeira metade mandou dous balóns ao pau. O Celta soubo manter o resultado na segunda metade, poñendo o ramo co gol de Wass, o cuarto para o Celta.

Ficha técnica

Eibar (0): Dmitrovic, Capa, Gálvez, Paulo, Cote (Juncá, min.46) Bebé, Dani García, Escalante, Inui,  Charles (Jordan, min.63) e Kike.

Celta (4): Rubén, Hugo Mallo, Cabral (Fontás, min.64), Sergi Gómez, Jonny, Lobotka, Wass, Tucu Hernández (Jozabed, min.75), Iago Aspas, Sisto e Maxi Gómez (Guidetti, min.76).

Goles: 0-1, min.17: Cabral; 0-2, min.25: Sergi Gómez; 0-3, min.39: Tucu Hernández; 0-4, min.73: Wass.

Árbitro: Fernández Borbalán, do comité andaluz. Amoestou Escalante, Dani García, Cabral.

Campo: Ipurúa, 5545 espectadores.

Comentarios